Site icon Crónica3.com A Mariña

CD Burela FS e Josi chegan a un acordo para a súa renovación

Burela, 3 de Agosto, 2022. Falar de Joziane De Oliveira, Jozi, é falar de toda unha lenda do fútbol sala. A porteira hispano-brasileira converteuse co tempo en todo un mito deste deporte, sendo pentacampeona do mundo e unha das principais valedoras de todo o que conseguiu o noso club desde a formación do equipo feminino.

Por iso, CD Burela FS non dubidou en chegar a un acordo de renovación con Jozi, na que será a décimo cuarta tempada da porteira defendendo as redes das Guerreiras Laranxas con éxito.

E é que Jozi viviu todos os grandes momentos deste equipo sendo parte fundamental dos seus éxitos: 4 Campionatos de Liga, 4 Supercopas, 5 Copas de S. M. a Raíña e 6 copas Xunta. O equipo tamén alcanzou o pasado mes de decembro a vitoria no Futsal Women’s European Champions, a Champions League do fútbol sala feminino onde participaban as campioas das principais ligas europeas, incluíndo ao Futsal Pescase Femminile italiano e ao Benfica SL portugués.

Os éxitos do equipo tamén lle permitiron ser considerado o Mellor Equipo Feminino do Mundo dous anos consecutivos nos Futsalplanet Awards, sendo Jozi nomeada a cuarta mellor porteira do mundo na última edición.

“Chamamos Orgullo Laranxa ao que sente cando formas parte deste club. Non só polos éxitos deportivos, que nos últimos anos foron moitos e moi por encima do que nós mesmas soñásemos. Ser consideradas o Mellor Equipo Feminino do Mundo durante dous anos seguidos, é tamén Orgullo Laranxa, porque somos parte dun club pioneiro na defensa da igualdade laboral e dos dereitos profesionais das mulleres deportistas”, declaraba recentemente unha emocionada Jozi ao recibir a Medalla Castelao da Xunta de Galicia como representante do equipo, un dos galardóns máis importantes outorgados ao club ata a data.

Exit mobile version