Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezan as obras de asfaltado no Camiño Real de Burela

Esta actuación conta cun investimento de máis de 74.000 euros, financiada cos fondos do Plan Único da Deputación Provincial

Burela, 23 de agosto de 2022. O Concello de Burela anuncia o inicio das obras na rúa do Camiño Real para mañá, mércores 23 de agosto, se as condicións climatolóxicas o permiten. Unha actuación financiada polo Plan Único da Deputación na que se invisten 74.065,87 euros para o asfaltado en quente do tramo seleccionado desta vía e a renovación parcial da rede de abastecemento de auga.

Os traballos de asfaltado dividiranse en tres tramos, o comprendido entre o cruce coa avenida Arcadio Pardiñas ata a rúa do Cantiño, deste punto á rúa do Ril, e o terceiro ata a rúa Marqués de Sargadelos. Estenderase unha nova capa de rodadura de 5 cm de espesor, renovando despois o pintado na calzada da sinalización horizontal, mellorando a seguridade da vía.

Ademais, renovaranse as tubaxes de abastecemento de auga que estaban xa moi deterioradas e que ocasionaron nalgunhas ocasións cortes nas instalacións da contorna, evitando esta situación nun futuro tras as obras.

O edil de obras, Ramiro Fernández, destacou que “supón un cambio e unha mellora importante pois é unha vía que dá acceso á zona escolar e dos institutos, ao Hospital e aos pavillóns deportivos, polo que o tránsito é frecuente e polo tanto a repercusión positiva da obra tamén vai beneficiar a moitas persoas”.

Tamén quixo Fernández avisar de que “se o tempo o permite comezaremos mañá, pedindo coma sempre paciencia aos veciños polos cortes de tráfico que poda haber mentres duren as obras”. Así mesmo, agradeceu á institución provincial a súa achega para poder levar a cabo este proxecto.

Exit mobile version