Site icon Crónica3.com A Mariña

Dúo del Valle actúa este mércores na Casa da Cultura de Cervo, dentro do Festival Bal y Gay

Cervo, 16 de agosto, 2022. Dúo do Valle actuará este mércores 17 de agosto no Auditorio da Casa da Cultura de San Cibrao en Cervo (20:30 horas, entradas esgotadas) e non na Fábrica de Sargadelos, como estaba previsto, polas previsións meteorolóxicas de choiva.

O dúo composto polos pianistas Víctor e Luís del Valle, convertido nunha referencia europea na música de cámara tras 20 anos de carreira, mostrará composicións de Mozart (Andante e Variacións para piano a catro mans KV 501), Schubert (Variacións sobre un tema orixinal en D.813 para piano a catro mans), Bennet (Variacións sobre ‘Liliburlero’ para dous pianos) e Ravel (Ma mère l’oe -versión para dous pianos- e A Valse -versión orixinal do autor para dous pianos-). “Para nosotros es un verdadero honor y una gran alegría participar en el Festival Bal y Gay. En los últimos años ha crecido muchísimo y se ha colocado como gran referente español con artistas de una talla enorme, de altísimo nivel, tanto nacionales como internacionales. Para nosotros estar aquí también es la confirmación de que se nos considera artistas de un muy alto nivel”, explicaron Víctor e Luís do Valle.

Con anterioridade, a novena edición do ‘Festival Bal y Gay’ ofrecerá tres extraordinarias actuacións gratuítas para todos os públicos os días 15 e 16 de agosto. A prestixiosa compañía ‘Monicreques Etcétera’ presentou ‘Almavera (sonata para violín e monicreques)’ onte día 15 en Foz e hoxe día 16 estará en Ribadeo (Cinema Teatro, 19:00). Pequenos e maiores gozarán coas vivencias da nova Almavera xunto ao violinista Vittorino, brillante creación dunha das mellores compañías nacionais no seu ámbito. Así mesmo, o talentoso dúo ‘Caamaño & Ameixeiras’ interpretou onte día 15 en Barreiros os temas do seu álbum ‘Aire!’. Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz) mostraron a súa arte, impregnado de raíces folclóricas con arranxos contemporáneos. Cancións dun álbum exquisito e idóneo para asomarse á felicidade.

Exit mobile version