Site icon Crónica3.com A Mariña

“Non pode ser que no PAC só haxa un equipo médico para todo Ribadeo, Barreiros, Trabada, xente desprazada e visitas a domicilio”, alerta o BNG de Ribadeo

Ribadeo, 2 de agosto, 2022. O día 31 de xullo de 2022 toda a veciñanza puidemos ler, ás portas do centro de saúde ribadense, sede do PAC que atende aos concellos de Ribadeo, Barreiros e Trabada, que tan só había un equipo médico para atender a toda a veciñanza deses tres concellos, así como ás persoas desprazadas que pasan aquí as súas vacacións (que non é pouca xente, chega a máis do dobre da poboación habitual), ademais das visitas a domicilio que for preciso realizar por urxencias médicas, ou os traslados a hospitais, ou a atención na vía pública. Así de clara e diáfana é a información posta ás portas do noso centro de saúde.

Levamos tempo denunciando os recortes na sanidade pública. Ano tras ano, vamos notando cada vez máis a falta de medios e, sobre todo, de persoal. A precarización do emprego no mundo da sanidade leva a estas situacións. Temos xente nova e ben formada, pero os contratos lixo que lles ofrecen (até o punto de non saber hoxe que van facer mañá, nin onde van traballar) acaban provocando o éxodo cara a outras comunidades ou países onde lles ofrecen mellores condicións laborais.

O goberno do señor Rueda, que conta co apoio dos deputados e deputadas do PP, incluídos os tres da Mariña, tennos abocado a todas as galegas e galegos a una continua peregrinación cara a unha sanidade pública baleirada de servizos e persoal. Comézase desmantelando as Áreas Sanitarias; redúcense servizos no Hospital da Mariña tendo que ir recibir a Lugo prestacións que antes nos daban en Burela, e remátase pola Atención Primaria, deixándoa en condicións límite. O da ampliación do Hospital Comarcal foi pura aparencia. De que serve ampliar os edificios se non son dotados da infraestrutura e persoal necesarios para prestar servizos?.

Mentres que o señor Feijoo anda coma un galo perico pola política madrileña fachendeando, nós, as mulleres e homes da Mariña, de toda Galiza, sufrimos as consecuencias derivadas da súa política radical de recortes sanitarios que nos trouxeron ata o punto de dispoñermos de tan só un equipo médico para atender o PAC que da cobertura aos concellos de Ribadeo, Barreiros, Trabada, ás persoas desprazadas, as urxencias médicas, a atención en vía pública e os desprazamentos hospitalarios. Tanto o señor Rueda como o grupo parlamentario do PP (cos seus tres deputados mariñaos) apoiaron esas políticas de deterioro progresivo da sanidade pública. Tomemos boa nota tanto os galegos e galegas como a xente que nos visita; que saiban/saibamos quen é Feijoo, que políticas leva á práctica, por moito que se oufane en defender andrómenas como a liberdade de elección e contos polo estilo sen ningún sentido. Temos que lles parar os pes; na Xunta e onde for.

Exit mobile version