Site icon Crónica3.com A Mariña

Numeroso público gozou da boa música do Festival Vrao que se celebrou esta pasada fin de semana en Foz

Foz, 16 de agosto de 2022. Esta pasada fin de semana retomouse en Foz a celebración do Festival Vrao e o Concello de Foz fai un balance moi positivo do evento: “a cita foi un éxito de público e de boa música”.

Dende a Delegación de Cultura móstranse “moi satisfeitos de apostar por este festival. Un formato pequeno, de música independente e galega que encheu de bo rollo a praza Conde de Fontao”, sinala a concelleira de Cultura, Inés López Couto, quen engade que “as festas do San Lourenzo tiveron continuidade na fin de semana con este gran evento no que dende o Concello pensamos coma unha alternativa para a xente de Foz. Un enfoque diferente, nunha fin de semana chea de festas e eventos noutros lugares da Mariña”.

No evento tamén participou o CB Celtas de Foz, poñendo o seu traballo e esforzo na venta de bebidas e do que destinarán a recadación ás súas categorías inferiores. Inés López Couto quere “dar as grazas a tod@s @s que participaron na organización deste festival, man a man co Concello”.

“Esperamos que esta sexa a volta da música galega e independente a Foz, en formato festival. Ofrecendo a mellor opción a afeccionados á música de diferentes estilos, Vrao para artistas alternativos, Festival Bal y Gay para música clásica, banda de música e outras asociacións de Foz para os artistas locais e orquestras para aqueles fans da verbena. Así coma os moitos concertos de máis pequeno formato que se celebran ao longo do ano en Foz. Con esta programación para todos os gustos, Foz é sempre a mellor opción”, remata a edil de Cultura.

Exit mobile version