Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Foz instala un punto violeta nas festas de San Lourenzo

Foz, 9 de agosto de 2022. A Delegación de Muller e Igualdade do Concello de Foz instala un punto violeta de información, sensibilización e visibilización nestas festas de San Lourenzo hoxe, martes, e mañá, mércores.

A concelleira de Muller e Igualdade, Ana Rojo, explica que é “un espazo morado de atención, libre de violencia machista; un lugar seguro para a muller nestas festas de San Lourenzo. Estará atendido por Mulleres en Igualdade (Bumei) e situado na Avenida da Ribeira os días 9 e 10, en horario de 22 a 1 da madrugada. A finalidade é a de informar e asesorar á muller e a persoas con diversidades ou orientacións sexuais que así o precisen, ademais de rexeitar e previr calquera tipo de violencia machista que se puidera dar neste tipo de eventos, prestando todo tipo de axuda e apoio a posibles vítimas de agresións sexistas, de abuso, acoso, ou discriminación por violencia física, psicolóxica e sexual; concienciar e acompañar á posible vítima, intervir, dar axuda e cobertura na loita contra calquera vulneración dos dereitos da muller”.

Ana Rojo engade que “con esta mesa informativa ou punto morado preténdese implicar ao conxunto da veciñanza contra violencia machista, un problema que nos incumbe e responsabiliza a todas e todos. Danse a coñecer os protocolos de actuación existentes en cada caso de acoso, agresión sexual, submisión química, etcétera. Facilítanse guías e dípticos cos teléfonos da rede de Centros da Muller ademais de recomendar e dirixir á persoa a determinados servizos especializados, con diferentes recursos gratuítos dispoñibles para as vítimas, tanto no noso Concello como noutras administracións ou institucións habilitadas para esta problemática. Para poder disfrutar dunhas festas con diversión, con alegría e respecto mutuo, onde as mulleres se sintan seguras, poidan ir polas rúas libres, seguras e sen medos a ser violentadas. Que saiban que non están soas, que as apoia un pobo cada vez máis concienciado e igualitario. Boas festas de San Lourenzo!”.

Exit mobile version