Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo solicítalle á Capitanía Marítima de Burela que sinalice o perigo existente na desembocadura do río Grande, por mor do tendido eléctrico de alta tensión que sobrevoa ese espazo

Ribadeo, 31 de agosto de 2022. O Concello remitiulle un escrito á Capitanía Marítima de Burela pregándolle que sinalicen oportunamente o perigo existente na desembocadura do río Grande, na ría de Ribadeo, por mor do tendido eléctrico de alta tensión que sobrevoa ese espazo. Nesa zona o pasado domingo perdía a vida un mozo de 22 anos, que navegaba nunha embarcación de vela latina.

O Concello enviou copia deste escrito tamén ao Servizo Provincial de Costas, á Confederación Hidrográfica do Cantábrico, á Dirección Xeral de Emerxencias e a Begasa.

A alcaldesa en funcións, Mónica Freire, explicou que “no día de hoxe o Concello de Ribadeo remitiu un escrito a Capitanía Marítima de Burela co motivo do tráxico accidente mortal que aconteceu o pasado domingo na nosa ría. Aínda non tendo este Concello competencias na lámina de auga, coa excepción das zonas de baño, non sendo o caso do lugar do suceso, preocúpanos seriamente a presenza deste tipo de perigos no noso entorno, que poidan chegar a afectar aos nosos veciños e veciñas e tamén aos visitantes, como así aconteceu neste caso”.

A rexedora lembrou que “non é a primeira vez que se produce unha situación deste tipo, pois hai algo mais dun ano no curso do río Eo, a altura de Abres, outra embarcación de vela latina tamén se vira afectada por un tendido eléctrico que por sorte, naquel caso, non produciu danos persoais mais ala do susto”.

Freire Rancaño subliñou que “o que fixemos neste escrito é pregarlle á Capitanía Marítima de Burela que sinalicen oportunamente o perigo existente na desembocadura do río Grande, na ría de Ribadeo, por mor do tendido eléctrico de alta tensión que sobrevoa este espazo, así como calquera outro punto do noso entorno no que poidan existir este tipo de perigos, ou de calquera outra clase, para a navegación. Ademais de á Capitanía Marítima, mandamos copia deste escrito polas súas posibles competencias, ao Servizo Provincial de Costas en Lugo, á Confederación Hidrográfica do Cantábrico, á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, así como tamén a Begasa”.

Exit mobile version