Site icon Crónica3.com A Mariña

O Museo da Fonsagrada acolle a mostra de instrumentos medievais “A memoria do son” ata o 3 de outubro

O comisario da exposición Luciano Pérez ofrecerá este xoves unha visita guiada á exposición, na que afondará no proceso construtivo e na sonoridade dos instrumentos

Lugo, 31 de agosto de 2022. O Museo da Fonsagrada acolle ata o vindeiro 3 de outubro a mostra “A memoria do son”, con fondos instrumentais e do arquivo documental do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A exposición inclúe unha giga, unha rota, unha cítola, unha viola de perna, unha viola de brazo, unha zanfona e un organistro, construídos a partir de representacións escultóricas destes instrumentos en lugares emblemáticos como o Pórtico da Gloria ou o Pazo de Xelmírez ou dos datos recollidos en distintos documentos literarios e históricos como o os manuscritos das Cantigas de Santa María de Alfonso X.

A carón de cada instrumento, figura un código QR para escoitar melodías que incorporan o seu son e permiten valorar a súa pegada na música tradicional actual, así como as posibilidades que ofrecen para a interpretación de novas músicas.

O director da Colección de Instrumentos e Obxectos Sonoros do Centrad e comisario da mostra, Luciano Pérez, ofrecerá mañá xoves, ás 19.00 horas, unha visita guiada, na que, ademais de extenderse nos elementos construtivos e sonoridade dos instrumentos, afondará nos traballos de investigación e interpretación da iconografía musical da Idade Media que se viñeron desenvolvendo nas últimas décadas desde o Centrad.

A mostra, cun formato itinerante pensado para achegar as distintas localidades o patrimonio musical da Colección de Instrumentos e Obxectos Sonoros do Centrad, chega á Fonsagrada tras pasar nos últimos meses por Sarria, Monforte, Sober, Ribadeo, Cervo ou Viveiro. O proxecto expositivo conta cun catálogo, en catro idiomas, editado en papel pero tamén dispoñible para descargar, en formato pdf, na web cultura.deputacionlugo.gal, a través da seguinte ligazón https://cultura.deputacionlugo.gal/sites/deputacionlugo.org/files/inline-files/catalogo_a_memoria_do_son.pdf

Exit mobile version