Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Barreiros insta ao goberno local a xestionar con Costas a execución dos traballos precisos para reabrir ao público a praia de San Bartolo

Os populares lembran que mañá é o día de San Bartolo e destacan que este areal leva pechado dende xaneiro do 2021 a causa de derrubes nos acantilados

Barreiros, 23 de agosto de 2022. O goberno municipal de Barreiros xa ten dadas mostras máis que suficientes da súa incapacidade de xestión. Pero hai momentos en que a falta de eficacia nas funcións de goberno quedan especialmente claras e resultan aínda máis evidentes. Mañá é o día de San Bartolo e a praia de igual nome segue sen ser accesible máis de ano e medio despois de que se producira o derrube polo cal este areal foi pechado ao público. Así o sinala o portavoz popular, José Manuel Gómez Puente, que, unha vez máis, insta á alcaldesa, Ana Ermida (BNG), a traballar co Servizo Provincial de Costas para adoptar as medidas precisas para que sexa posible reabrir ao público a praia de San Bartolo.

Gómez Puente sinala: “Quero lembrarlle á señora alcaldesa de Barreiros que a praia de San Bartolo sigue pechada, algo moi preocupante, entre outros motivos por que son moitos os veciños e veraneantes que teñen as súas vivendas preto de dita praia e séntense impotentes ao ver que dende o 3 de xaneiro de 2021 o goberno municipal segue sen dar unha solución ao problema”.

O portavoz popular non entende “como non é prioritario para á alcaldesa e para os membros do seu goberno dar unha solución a este problema”. Destaca que ao equipo de goberno local (BNG-PSOE) supónselle sintonía suficiente co Goberno de España para que o Servicio Provincial de Costas colabore en subsanar os posibles novos derrubes, mediante a consolidación das zonas de acantilado de dita praia para que sexa seguro acceder a ela”. Como dato significativo sobre a apatía do goberno local, Gómez Puente destaca que “na escaleira da acceso á praia aínda están sen retirar os cascallos e non sabemos se ocorreron máis derrubes”.

Gómez Puente lembra que “a praia de San Bartolo é unha das nove praias coas que conta Barreiros, e a única que ten unha fonte ferruxinosa”.

Exit mobile version