Site icon Crónica3.com A Mariña

Os servizos de emerxencia concluíron os labores de extinción no incendio declarado nunha casa deshabitada en Mañón

Mañón, 24 Agosto, 2022. Ao fío das 12:45 horas, os Bombeiros do Eume comunicaban ao 112 Galicia que remataban a súa intervención no lume orixinado nunha casa deshabitada, na parroquia das Grañas do Sor, tras controlar o incendio, que deixou a vivenda completamente calcinada. Pola súa banda, persoal do Concello levou a cabo tarefas de arrefriamento na parte baixa da casa.

Concretamente, as lapas queimaron o baixo, o primeiro andar e o ático. Os equipos de intervención salvaron un anexo e, malia que a estrutura da casa era de madeira, non chegou a colapsar.

Cómpre sinalar que o 112 Galicia foi alertado do incendio por un particular, ás 6:15 horas desta mañá.

A partir de aí, activouse un operativo no que tamén interviñeron os efectivos do GES de Ortigueira, os membros de Protección Civil de Mañón e os axentes da Garda Civil.

Exit mobile version