Site icon Crónica3.com A Mariña

Peque, a capi, seguirá defendendo as cores do CD Burela FS

Burela, 3 de agosto, 2022. A número 7 laranxa é todo un exemplo dentro e fóra da pista. Ademais de ser a capitá das nosas Guerreiras Laranxas, Patricia González Mota, Peque, é tamén un referente fora do campo apoiando valores compartidos con este club, como a loita polos dereitos das mulleres deportistas e a igualdade no deporte.

Por iso desde CD Burela FS estamos orgullosos de confirmar que Peque seguirá formando parte da plantilla feminina a próxima tempada e que as Guerreiras Laranxas seguirán estando capitaneadas pola mellor xogadora europea.

A á-pivot madrileña é unha mariñá máis, sendo desde hai anos unha dos principais baluartes dos éxitos deportivos e sociais do noso club. A 2022-23 será a décima tempada de Peque no noso equipo e tras o seu regreso en 2018 o CD Burela FS enlazou unha serie de anos espectaculares gañando multitude de títulos.

Unha racha de vitorias desde xuño do 2019 que marcaron o récord de 1000 días sendo campioas de todos os torneos xogados. Na súa traxectoria como xogadora do Burela, Peque logrou 4 Supercopas, 5 Copas de S.M. a Raíña e 4 Campionatos de Liga. Tamén o campionato da Futsal Women’s European Champions e a consecución dous anos seguidos do Mellor Equipo Feminino do Mundo nos Futsalplanet Awards.

Nas dúas últimas edicións dos Futsalplanet Awards, Peque tamén foi nomeada segunda mellor xogadora do mundo, e este mesmo ano logrou a súa segunda Eurocopa xogando coa Selección no Europeo Feminino de Portugal.

Esperamos, xunto a Peque, seguir percorrendo este camiño exitoso e alcanzar todos os obxectivos establecidos para a seguinte tempada.

Exit mobile version