Site icon Crónica3.com A Mariña

Recepción no concello ribadense a tres remeiros que acadaron medallas de ouro e de prata no Campionato de España celebrado en Bañolas

Ribadeo, 13 de agosto de 2022. No Concello ribadense tivo lugar o acto de recepción a tres remeiros locais que veñen de acadar as medallas de ouro e prata no Campionato de España de Remo Olímpico en infantil masculino e infantil feminino en Bañolas 2022. Trátase de Antón Balsa Val, Irene García Valle e Carlota Peña Vior. Os deportistas estiveron acompañados por familiares e amigos.

Na quedan de intervencións o alcalde, Fernando Suárez, felicitounos polos éxitos en Bañolas e quixo darlles unha recomendación: “que sempre lle damos a todo o mundo, que sodes uns cracks, pero non deixedes de estudar, non deixedes o principal cometido dunha persoa nesta vida coa posibilidade de formarse. Logo despois, si hai tempo, hai que practicar para ser campións do mundo ou do que faga falta, pero non deixedes os estudos nin as vosas responsabilidades que tedes encomendadas”.

O presidente do Club de Remo Ribadeo, Miguel Balsa, subliñou que “fomos o terceiro club de España de 67 que participan no campionato. Fomos a medalla de bronce de todo o campionato. Iso é un fito histórico do noso club, vai a ser moi difícil volver a repetilo, porque é moi complicado chegar a eses niveles. De feito no campionato recibimos a noraboa de clubs de primeira líña do remo nacional, do remo olímpico nacional, de adestradores da selección nacional, de seleccións autonómicas… foi un orgullo estar nese campionato, para o club e para os deportistas. O nome de Ribadeo soou por todo o Campionato como nunca se fixo”.

Antón Balsa Val logrou a medalla de ouro en 1x infantil masculino; Irene García Valle conseguiu a medalla de ouro en 1x infantil feminino; e Carlota Peña Vior logrou a medalla de prata en 1x infantil feminino.

No acto celebrado no salón de plenos do Concello de Ribadeo participaron o alcalde, Fernando Suárez, e os concelleiros de Servizos Sociais e Turismo, Mónica Freire e Pablo Vizoso.

Exit mobile version