Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación demanda á Xunta a gratuidade dos libros de texto

A voceira provincial socialista lembrou que o PP de Feijóo eliminou a gratuidade dos libros, e hoxe o PP opta por manter esa situación nun contexto económico aínda máis complexo

Lugo, 27 de setembro de 2022. A Deputación de Lugo demanda á Xunta de Galicia a gratuidade dos libros de texto e o fin dos recortes de persoal en educación na provincia. Así se acordou, co voto en contra do PP, no Pleno ordinario do mes de setembro celebrado este martes, a raíz dunha proposta presentada polo Grupo Provincial Socialista.

Desde a institución provincial demandan ao Goberno autonómico do PP que remate coa política de recortes de persoal, nomeadamente no rural, e que explique en sede parlamentaria como empregou os fondos extra de 92 millóns do Estado para reforzar a educación por mor da Covid.

A voceira provincial socialista, Pilar García Porto, reclamou ao PP “un compromiso real coa educación pública e coas familias lucenses e garanta a gratuidade dos libros de texto para todas as etapas do ensino obrigatorio semellante ao que estivo en vigor durante os anos do Goberno de Pérez Touriño”.

A Deputada lembrou que o PP de Feijóo eliminou a gratuidade dos libros, e hoxe, o PP opta por manter esa situación nun contexto económico aínda máis complexo. Nesa liña, incidiu en que o detrimento da educación pública na nosa Comunidade “é unha cuestión ideolóxica e de vontade política”. A voceira socialista recalcou neste sentido a incoherencia de Feijóo porque pide agora en Madrid a gratuidade dos libros de texto, cando á súa chegada á Xunta en 2009 suprimiu esta medida, que implantara o Goberno de Touriño. “Non fan o que predican”, asegurou.

Medidas excepcionais do Goberno do Estado
Mentres tanto, o Goberno progresista de Pedro Sánchez adopta medidas excepcionais de alivio para as economías familiares, como por exemplo “co aumento das becas en case un 25%, a rebaixa das taxas universitarias, o impulso da FP, o bono cultural xoven ou a aprobación da LOMLOE, unha reforma para unha educación baseada nas competencias, aberta á innovación e ás mellores prácticas”, puntualizou.

Recortes do PP
Pilar García Porto denunciou que, despois de 13 anos de goberno do PP, “hai 138 centros escolares pechados e 1.500 mestres menos en Galicia. E vostedes din que defenden a educación pública?”, preguntou. Ademais, criticou o destino dos fondos Covid: “A Xunta recibiu fondos extra do Estado por importe de 827M€ para reforzar os servizos públicos dende que comezou a pandemia, pero o PP sempre se negou a dar conta en sede parlamentaria de como empregou os 92 millóns percibidos para educación. Mentres a Xunta obrigaba a asumir ós concellos os gastos da desinfección das escolas, gastaba polo menos 13 millóns deses fondos extra en cambiar cubertas en mal estado, uns labores de mantemento que a Xunta debería ter asumido co seu orzamento ordinario”.“Cambian os dereitos por negocio”, dixo a Deputada.

Exit mobile version