Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación rexeita a decisión da CE de prohibir a pesca de fondo nos caladoiros nos que faena a frota galega

A voceira provincial socialista lembrou que o Ministro de Pesca, Luis Planas, instou á Comisión Europea (CE) a suspender a aplicación do regulamento de execución sobre as áreas mariñas protexidas, e avanzou que non descarta presentar un recurso ante o Tribunal de Xustiza da UE se a Comisión non accede á esta petición

Lugo, 27 de xullo de 2022. A Deputación de Lugo demanda á Xunta de Galicia rexeitar a decisión da UE de prohibir a pesca de fondo en caladoiros nos que faena a frota galega. Así se acordou por unanimidade no Pleno ordinario celebrado este martes a raíz dunha proposta presentada polo Grupo Provincial Socialista.

A voceira do PSdeG na Deputación, Pilar García Porto, explicou na súa intervención que o Comisario de Pesca, Medio Ambiente e Océanos da UE, Virginijus Sinkevicius, anunciaba a mediados deste mes a súa intención de prohibir todo tipo de artes de fondo en 87 caladoiros das augas de España, Portugal, Francia e Irlanda. Polo tanto, son arredor de 16.400km2 afectados nos que se atopan 87 caladoiros.

A Deputada destacou de que esta medida ten sido fortemente contestada polo sector, xa que se toma sen facer distincións entre o diverso grao de impacto que xeran as diferentes artes pesqueiras, e sen contar con datos científicos actualizados da situación dos ecosistemas e dos caladoiros. “Por iso, dende o primeiro momento dende o PSdeG e, por boca do noso Secretario Xeral Valentín González Formoso, amosamos o noso rexeitamento a esta decisión, e que se esgoten todas as vías, mesmo xudiciais, para que non se leve a efecto”, sinalou.

Acción do Ministerio de Pesca
Así as cousas, García Porto lembrou que o Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, no día de onte instou á Comisión Europea (CE) a suspender a aplicación do regulamento de execución sobre as áreas mariñas protexidas, e onde avanzou que non descarta presentar un recurso ante o Tribunal de Xustiza da UE se a Comisión non accede á esta petición.

Unha medida prexudicial para a frota pesqueira da provincia
“Os socialistas lucenses sumámonos ó rexeitamento dunha medida prexudicial para a frota pesqueira da nosa provincia, que representa a un importante colectivo de autónomos e PEMES que aporta un importante porcentaxe do PIB á provincia e, de xeito especial, a unha comarca como a da Mariña que ten sufrido nos últimos anos a lacra dun grave proceso de desindustrialización. Son o 50% da frota de España, polo que o abandono das políticas industriais da Xunta serían moitísimo máis de prexudiciais na comarca, que xa esta dabondo abandonada. Por iso, dende aquí tamén solicitamos á Xunta axudas para frota lucense”, dixo a Deputada.

“Dende Bruxelas, estase a cuestionar sen base científica nin argumentos a actividade dun sector exemplar, esencial para a Mariña. Un sector que aporta riqueza e que captura nos caladoiros produtos de primeira calidade recoñecidos a escala internacional. Un sector que conforma un dos sinais de identidade sociocultural da nosa provincia, subliñou a voceira socialista.

García Porto aludiu tamén ás desafortunadas declaracións da representante do PP Paula Prado sobre a viaxe do Secretario Xeral do PSdeG a Bruxelas dicindo que ía a falar mal de Galicia, cando á realidade é que foi a defender ao sector, cousa que non fixo o Presidente da Xunta porque Rueda esta máis ocupado en atacar ao Goberno do Estado que en defender aos galegos. Por iso insistimos, o PP non resulta crible”, incidiu. E proseguiu asegurando que “primeiro fallou Feijóo, e agora fallou Alfonso Rueda, xa que o ponente desta normativa é un Eurodeputado do PP, Gabriel Mato. Cando tiveron a oportunidade de anticiparse e facer algo, non o fixeron, e non estiveron atentos. E agora empregan a técnica de primeiro reunirse co sector e escoitalo, pero despois van a Bruxelas a facer o contrario do que lles piden”, replicou.

A Xunta de Galicia debe sumar esforzos co Goberno central
A institución provincial “insta ao Goberno central para que traslade ás autoridades europeas o rexeitamento dunha decisión que consideramos inxusta e inxustificada e que esgote todos os medios para a súa retirada, ben a través da negociación, ben a través dos recursos legais dispoñibles, e solicita á Xunta de Galicia que sume esforzos co Goberno central para presionar en Bruxelas neste sentido, porque este non é un tema partidista, senón unha necesidade de país”.

Aprobada a Conta Xeral 2021
Tamén saíu adiante, na sesión plenaria deste martes, a Conta Xeral da Deputación de Lugo correspondente á anualidade 2021 cos votos favorables do PSdeG e do BNG e a abstención do PP. Segundo informou a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, durante a exposición pública deste documento “non se presentou ningunha reclamación, reparo ou observación” e valorou positivamente que quede aprobado en tempo e forma.

Toma de posesión
Por outra banda, tomou posesión como Deputado Xosé María Teixido Núñez. O concelleiro de Guitiriz polo Partido Popular releva así a Agustín Baamonde Díaz. Teixido Núñez prometeu o seu cargo sobre a Constitución e recibiu o diploma acreditativo e a medalla que distingue aos representantes provinciais.

Exit mobile version