Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destaca en Barreiros a importancia para as pemes lucenses de programas como o Galicia Inviste, que ten permitido mobilizar máis de 8M€ na provincia

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou Aluminios Seco, empresa participante nesta iniciativa que mellorou a súa capacidade de produción grazas á implantación de maquinaria nova

Barreiros, 26 de setembro de 2022. O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe en Barreiros as instalacións da empresa Aluminios Seco, onde puxo en valor a importancia para a mellora competitiva das pemes lucences do programa Galicia Inviste, que ten permitido ata o de agora mobilizar máis de 8 millóns de euros de investimento público-privado na provincia.

Neste sentido, expuxo Guldrís, Aluminios Seco é un exemplo das posibilidades que ofrece esta liña impulsada pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través do Igape. “Neste caso concreto, o programa facilitou a adquisición de maquinaria nova mellorando a capacidade de produción da empresa para atender, deste xeito, a súa actual demanda”, subliñou.

Sobre esta base, o director do Igape lembrou que o Galicia Inviste ten aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro 30 de setembro, con apoios que cobren proxectos desde 25.000 ata 900.000€, chegando ao 35% dos investimentos no caso das pequenas empresas, e ao 25% para as medianas.

Así mesmo, incidiu, a principal novidade desta edición é que, por primeira vez, a liña ofrece a posibilidade de solicitar conxuntamente axudas e préstamos para o financiamento de proxectos, na procura de potenciar o mantemento e creación de emprego, a innovación e o impulso de novas iniciativas empresarias.

Neste marco, afondou Guldrís, o programa promove tres grandes liñas de actuación: unha centrada nos proxectos de investimento empresarial, outra que atende a iniciativas de mellora do sector de aloxamento, e a última que pon o foco en investimentos en equipamento produtivo, como é o caso de Aluminios Seco.

O director do Igape destacou que só na provincia de Lugo aprobáronse, desde o 2018 e ata o de agora, máis de 30 proxectos no marco do Galicia Inviste, que suman un importe conxunto de axudas superior aos 2M€. “Con iniciativas como esta reforzamos o noso compromiso co tecido empresarial, en particular coas pequenas e medianas empresas e cos autónomos, na procura de facilitar o aceso a axudas e financiamento que precisan para realizar os seus investimentos e potenciar así o xeración de emprego, a innovación e a posta en marcha de proxectos empresariais”, resaltou Guldrís.

Neste sentido, realzou a importancia deste e outros programas que facilitan o financiamento de pemes e autónomos na actual conxuntura económica, como as liñas de avais e reavais que priorizan a resposta ás dificultades que atravesan as empresas máis afectadas pola invasión rusa de Ucraína.

Exit mobile version