Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Villares inaugurou o Congreso Concellos 20-30 en representación da Fegamp

Cervo, 30 de setembro, 2022. Na cita abórdanse cuestións de gran relevancia para as entidades locais e para a cidadanía en xeral, como o ciclo da auga, o aforro enerxético, a xestión dos residuos ou a mobilidade urbana

O rexedor cervense e vicepresidente primeiro da Fegamp, Alfonso Villares, participou na inauguración do Congreso Concellos 20-30 que se celebra este xoves e venres no Foro de Carballo, organizado por este concello e por Gestagua, en colaboración da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Urbaser.

Na cita estanse a abordar cuestións de gran relevancia para as entidades locais e para a cidadanía en xeral, a fin de acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados por todos os Estados Membros das Nacións Unidas no marco da axenda 2030.

Así o congreso xira en torno a temáticas como o ciclo da auga, o aforro enerxético, a xestión dos residuos ou a mobilidade urbana.

Na súa intervención, Villares fixo fincapé no papel dos concellos “nesta reinvención do mundo no que estamos xa metidos de cheo”, coido que a estas alturas –engadiu- “todos somos conscientes da envergadura do cambio e que afectará a todos os eidos da nosa vida”.

Vimos de pechar o verán máis cálido desde que hai rexistros, temos as nosas cuncas en baixos sen precedentes, as consecuencias do parón de actividade na pandemia, e da crise internacional pola invasión de Ucraína, teñen posto ao descuberto defectos múltiples do noso sistema de produción…Temos pois –engadiu- alertas de sobra para saber que urxe reaccionar. Desde a posición que ocupan os concellos temos que seguir a facer un esforzo de información e de concienciación á cidadanía; porque a transformación ten que ser tan fonda que require da colaboración de cada unha das persoas, un cambio de mentalidade da sociedade.

Pero para poder materializar os obxectivos fixados na Axenda 2030, ademais de fondos os concellos necesitan ferramentas e axuda para avanzar de forma sólida, eficiente e estruturada. Queda moito por facer porque o reto é infinito, xornadas como esta que estamos a realizar son importantes para concienciarnos do cambio “ou o facemos entre todos ou fracasaremos como sociedade”.

Exit mobile version