Site icon Crónica3.com A Mariña

BNG e veciñanza da Misericordia inician unha recollida de sinaturas para un acceso digno e vital

Viveiro, 7 de setembro, 2022. BNG de Viveiro e veciñanza afectada da Misericordia, inician unha recollida de sinaturas para a mellora dos accesos a máis de 14 vivendas da rúa Calvario, casas ás que actualmente se accede por un reducido camiño en rampla fronte ao instituto María Sarmiento e para o cal hai que subirse á beirarúa.

Este camiño estreito, en curva e cunha elevada pendente é a única entrada e saída ao burgo de vivendas, que resulta perigoso para coches e peóns. Miriam Bermúdez, Concelleira do BNG, indica que “ademais do perigo para coches e peóns, impide o paso do camión do lixo ou dos vehículos de emerxencias como ambulancias e bombeiros. Xa en varias ocasións as emerxecias tiveron que ser resoltas cos medios propios da veciñanza. A recollida de sinaturas permitirá a inclusión no Pleno dun punto para tratar este problema e darlle voz á veciñanza, permitindo a intervención na sesión plenaria, denegada noutras ocasións pola alcaldesa.

A veciñanza xa presentou escritos nos anos 2003 e 2008, e tamén recentemente, solicitando un enlace coa rúa Cantarrá, e o BNG de Viveiro presentou sendos rogos neste senso en abril, xuño e setembro deste ano. Mais o Goberno Municipal do PSOE bota balóns fóra alegando que non se pode actuar ata a aprobación do PXOM, e incluso culpando á veciñanza “pola costume deste País de ceder o mínimo para uso público”, como dixo Fernandez Cal en Pleno.

Sen embargo, Míriam Bermúdez recalca que “pódense propoñer modificacións puntuais da Normativa Urbanísitca actual, e existen antecedentes. Só fai falla vontade política, e non poñerse de lado ante os poblemas enquistados, como é costume deste Goberno.”

“Agardamos que coas sinaturas e a intervención no Pleno da veciñanza, a señora Loureiro, xa que non dirixe, sinxelamente escoite, pois a solución do enlace con Cantarrá xa foi proposta polos propietarios das vivendas, e dende o BNG indicouse a posibilidade de facelo cunha modificación puntual da normativa urbanística”, rematou Míriam Bermúdez.

Exit mobile version