Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello de Ribadeo e Deputación asinaron un convenio extraordinario para acometer diversas melloras na rúa Luz Pozo Garza en un treito de Virxe do Camiño

Ribadeo, 2 de setembro de 2022. Concello de Ribadeo e Deputación de Lugo asinaron un convenio extraordinario de colaboración para acometer diversas obras de mellora na rúa Luz Pozo Garza e nun treito de Virxe do Camiño. O investimento ascenderá a 184.000 euros.

O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “continuando desde o Concello con esta serie de actuacións que levamos facendo nestes últimos anos para mellorar o noso concello, neste caso na vila, nunha parte do centro urbano que estaba deteriorada por mor de sucesivas de reparacións, de fugas, etcétera, como é a rúa Luz Pozo Garza e unha parte da rúa Virxe do Camiño, a que está máis próxima ao Xardín de Indianos e a propia capela da Virxe do Camiño”.

O rexedor contou que “de aí que acabamos de asinar un convenio económico extraordinario moi importante con esta outra administración que tanto nos axuda, que é a Deputación de Lugo. É para un proxecto que redactamos duns 184.000 euros, para renovar o pavimento das beirarrúas e a capa de aglomerado de toda a calzada da rúa Luz Pozo Garza e tamén para implementarlles novas tubaxes de abastecemento de auga e nova canalización de saneamento e unha nova rede de alumeado xa fixada con criterios de LED. E na rúa Virxe do Camiño, fronte ao Xardín de Indianos, vaise substituír o pavimento existente dunha beirarrúa, que está absolutamente deteriorado e é moi perigoso, e vanse renovar tamén as farolas existentes e o sistema de alumeado, que se atopa fóra de servizo desde hai anos. E tamén na marxe contra a capela da Virxe do Camiño vanse substituír e ampliar as beirarrúas existentes, así como vai haber unha nova sinalética vertical e horizontal”.

Suárez Barcia engadiu que “acabamos de asinar este convenio e poñerémonos inmediatamente coa licitación destas importantes obras, que van mellorar significativamente todo ese entorno que se encontraba certamente desdeixado desde hai anos”.

Ata a zona se desprazaron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, e a deputada provincial e concelleira de Obras, Mónica Freire.

Exit mobile version