Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez transmitiu o pésame do Concello polo pasamento de Francisco Díaz Rey, decisivo para dar a coñecer os arcos da praia de Augasantas

Ribadeo, 5 de setembro de 2022. O alcalde, Fernando Suárez, transmitiu hoxe o pésame do Concello ribadense e amósalle o agarimo á familia de Francisco Díaz Rey, finado recentemente e que nacendo en Ribadeo, e estando fora del por moitos anos, “nunca esqueceu a terra que o viu nacer”.

O rexedor declarou: “queremos desde o goberno municipal de Ribadeo facer unha agarimosa lembranza dunha persoa finada recentemente e que, nacendo neste concello, e estando fóra del por moitos anos, nunca esqueceu a terra que o viu nacer”.

Suárez Barcia dixo: “estamos falando de Francisco Díaz Rey, tamén coñecido como Pancho Ledo. Esta persoa ocupou diferentes cargos nos gobernos do Estado e máis da Xunta de Galicia nos primeiros anos de andaina autonómica. Foi tamén director da Casa de Galicia en Madrid e moitos dos seus cargos estiveron vencellados ao turismo e á promoción turística”. O alcalde ribadense subliñou: “gustaríanos sinalar que foi el, no seu tempo de Director Xeral de Turismo, quen promoveu e xestionou a edición das primeiras imaxes publicitarias dos arcos da praia de Augasantas, que logo xeneralizou o seu nome como As Catedrais”.

Fernando Suárez sinalou que “esta contribución á promoción turística, xunto con outras destacadas achegas doutros persoeiros tamén de relevancia de hai varias décadas, foron o xermolo dun fenómeno turístico de primeira magnitude, que corresponde agora ao resto de administracións públicas xestionar con tino e con sostibilidade medioambiental”.

O alcalde engadiu: “procede polo tanto, desde o Concello de Ribadeo dar o noso sentido pésame e amosar o noso agarimo á familia de Francisco Díaz Rey”.

Exit mobile version