Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez subliña o éxito do Programa Campus Rural do Goberno que conecta a mocidade coa realidade laboral, económica e social dos pequenos concellos da provincia

O programa posibilita que os estudantes desenvolvan 3 meses de prácticas formativas en entidades, concellos, e empresas de municipios de menos de 5.000 habitantes

Láncara, 13 de setembro de 2022. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, subliñou hoxe o éxito do programa Campus Rural do Goberno, “unha oportunidade que conecta a estudantes das universidades públicas de Galicia coa realidade laboral, social e económica dos pequenos concellos, o que é un encontro entre a mocidade e o territorio”, indicou.

A subdelegada apuntou que este programa facilitou neste verán a máis de 25 mozos e mozas universitarias galegas acceder a prácticas formativas en administracións locais, asociacións e empresas de concellos de menos de 5.000 habitantes e que na provincia de Lugo chegou a concellos como Trabada, Sober, Folgoso do Courel e Meira, ademáis de Láncara. “Son prácticas remuneradas de 3 meses de duración coas que todos os implicados gañan”, indicou, e anunciou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica ampliará os fondos para a edición do vindeiro ano: “a ministra Teresa Ribera vén de anunciar esta medida que sen dúbida é moi positiva para a provincia de Lugo, onde a maioría dos concellos cumpren con este requisito, e que reduce a fenda entre territorios”.

Isabel Rodríguez visitou hoxe as instalacións da residencia Serge A Veiga, no Concello de Láncara, que foi unha das entidades participantes da primeira edición do programa Campus Rural. Alí mantivo un encontro con Mª del Mar Chantre, estudante do Grao de Enfermeria na Universidade da Coruña, que está a realizar prácticas formativas a través deste programa neste centro asistencial, onde foi titorizada polos responsables da residencia.

Campus Rural, impulsado polo MITECO co apoio do Ministerio de Universidades e a Conferencia de Reitores CRUE, permitiu que máis de 380 estudantes de 37 universidades públicas estean a realizar prácticas durante o verán en municipios de menos de 5.000 habitantes de toda España. O Goberno investiu este ano 1,8 millóns de euros nesta iniciativa.

Exit mobile version