Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 16.800 persoas visitaron as oficinas de turismo de Foz durante xullo e agosto

Foz, 2 de setembro de 2022. Máis de 16.800 persoas visitaron as oficinas de turismo de Foz durante os meses de xullo e agosto pasados, o que supón un aumento considerable respecto aos anos anteriores.

O concelleiro de Turismo, Chema Linares, manifestou: “concluído agosto toca facer balance da tempada turística. Seguimos a manternos como un dos referentes turísticos da comarca da Mariña, así o testemuñan os datos manexados polo Concello, no que, un ano máis, a poboación triplicouse no verán recuperando a afluencia dos anos pre pandemia. Tres datos podemos destacar: aumento considerable das visitas con respecto aos anos precedentes, aumento dos visitantes estranxeiros e aumento das pernoitas”.

Chema Linares engadiu: “apreciouse un aumento significativo das visitas entre a oficina de turismo e o punto de información do centro de interpretación da Basílica de San Martiño, con máis de 16.800 persoas que se achegaron para visitar a Basílica ou solicitar información sobre os nosos recursos turísticos, roteiros, e actividades culturais, así como de aloxamento e restauración. Esta afluencia de visitantes supón un incremento dun 23 por cento co respecto o ano anterior. Predomina o turismo nacional, cun 93,5 por cento, tendo visitas de todas as comunidades autónomas, pero destacando Galicia, cun 28 por cento, sobre todo de Lugo e Coruña; seguido de Madrid, con máis dun 27 por cento; Castela-León cun 13,23 por cento; así como Asturias, Castela-A Mancha, Andalucía ou Pais Vasco, entre outras. Respecto o turismo estranxeiro, temos visitantes de todos os continentes, destacando Francia, Alemaña, Portugal e Reino Unido, que aportan o groso dos visitantes, aínda que se achegaron tamén dende Arxentina, Colombia, Chile, Israel, Corea del Sur e India. O porcentaxe de estranxeiros mantense por riba do 6,5 por cento, cun lixeiro aumento”.

O edil de Turismo destaca que “o balance non pode ser máis positivo, constatando unha tendencia á alza e consolidando Foz como destino, sobre todo familiar, moi valorado e que ofrece un amplo abanico de posibilidades tanto culturais como lúdico deportivas para todas as idades, cunhas das mellores praias da Mariña e un rico patrimonio cultural e natural. A Basílica de San Martiño estase a converter nun foco de atracción fundamental, como así indican os datos, chegando no mes de agosto a ter ata 500 visitas diarias e superar as do mesmo mes do ano anterior en máis de 2.700 persoas. Hai que destacar tamén a crecente aumento dos peregrinos que están a realizar o Camiño do Mar”.

Linares comentou tamén que “a estes bos datos de afluencia neta de visitantes hai que engadir que a ocupación hostaleira rozou o 96 por cento, chegando nalgúns días ao 100%, sobre todo no mes de agosto, e que Foz continúa sendo un dos concellos da comarca que se mantén como referente de segundas vivendas e de alugueiros turísticos. Hai que sinalar tamén que as pernoitas das persoas que nos visitaron aumentaron en máis dun 5% con respecto o ano anterior, algo moi positivo de cara a consolidar Foz como un destino non só de paso senón tamén de estancia”.

Para rematar o concelleiro de Turismo engadiu: “podemos afirmar que a tempada estival transcorreu sen incidentes significativos e con escasa ou nula incidencia da Covid, o que permitiu que a hostalería puidera funcionar con total normalidade. O noso agradecemento para os traballadores das oficinas de turismo, que estiveron abertas durante os meses de xullo e agosto de mañá e tarde e fins de semana e que foron moi ben atendidas polo persoal contratado ao efecto, así como aos socorristas e auxiliares polo seu labor de control e vixilancia das praias”.

Exit mobile version