Site icon Crónica3.com A Mariña

Miñones destaca “os feitos” do Goberno de España coas electrointensivas galegas, con 44 M€ para protexer os postos de traballo e permitir o avance destas grandes industrias

O delegado do Goberno celebra que Galicia é a comunidade que máis fondos recibe en España das axudas para compensación de CO2 do Ministerio de Industria

A Coruña, 27 de setembro de 2022. O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, puxo en valor hoxe a concesión de 44 millóns de euros en axudas a instalacións industriais de Galicia dentro do mecanismo de compensación de CO2 e enmarcou esta decisión no compromiso do Goberno de España coa competitividade destas industrias e co mantemento do emprego industrial asociado a elas.

José Miñones lembrou que “falamos de industrias que son clave e que están a crear emprego, polo que estes 44 millóns de euros son tamén unha inxección directa para protexer os postos de traballo e permitir o avance destas industrias en Galicia”. Nesta liña, pediu á Xunta de Galicia, como administración competente en política industrial, se “sume a esta liña de acción do Goberno” e que, ao igual que fai o Executivo, “pase das palabras aos feitos e as accións”.

José Miñones insistiu que o Goberno está a intensificar as medidas para reforzar a competitividades dos sectores industriais fronte a actual situación dos prezos da enerxía. O paquete de acción contempla axudas directas, nas que se sitúan as que compensan a emisión de CO2, e outras indirectas, como a rebaixas de impostos, nas que o Goberno segue a traballar.

“Somos un Goberno de feitos, que afronta as dificultades con decisións e medidas”, e que asume a responsabilidade de protexer as familias, a economía e o tecido industrial. “Imos seguir da man do sector”, reafirmou, ao poñer en valor o anuncio do presidente do Goberno de aprobar unha excepción para as instalacións de coxeración das industrias con gran consumo de gas, permitindo que queden cubertas temporalmente polo mecanismo ibérico para limitar o prezo do gas.

44 M€ para compensar os custos de 13 instalacións en Galicia

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo publicou a proposta de resolución provisional das axudas do mecanismo de compensación de custos de emisións indirectas de gases de efecto invernadoiro. O Goberno elevou a convocatoria deste ano ata os 244 millóns de euros, que foron adxudicados case na súa totalidade.

José Miñones celebrou que Galicia é a comunidade que máis fondos recibe de toda España no reparto destas axudas, ao acaparar máis do 18% do total dispoñible en 13 concesións. O listado de instalacións inclúe a Aluminios Cortizo, Xeal (Cee e Dumbría), Papeleira de Brandía, a factoría de ENCE en Pontevedra, Exlabesa (Padrón e Valga); Megasa ou o complexo industrial de Repsol na Coruña.

Por volume de fondos, as dúas factorías de Alcoa en San Cibrao perciben a contía máis elevada e suman 29,85 millóns de euros en axuda directa, “unha nova mostra do apoio comprometido pola ministra de Industria, Reyes Maroto, aos traballadores”. E sinalou que “agora esperamos que a Xunta cumpra con algo máis que palabras á hora de garantir o futuro desta planta”.

Exit mobile version