Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez ven de enviarlle unha carta ao presidente da Xunta para amosarlle o malestar das nais e pais das parroquias ribadenses tras os cambios realizados nas paradas do transporte escolar

Ribadeo, 15 de setembro de 2022. O alcalde, Fernando Suárez, ven de enviarlle unha carta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para amosarlle o malestar das nais e dos pais que viven nas parroquias ribadenses tras os cambios realizados nas paradas do transporte escolar. Suárez Barcia subliña que esta situación afecta a moitas familias, que se senten frustradas ao non teren explicación clara sobre esa alteración substancial do servizo.

O rexedor contou que “nestes últimos días estamos recibindo numerosas queixas de pais e nais que viven nas parroquias do noso concello, alertándonos de que de súpeto, neste inicio de curso escolar dos seus pícaros e pícaras, teñen un problema co transporte escolar porque o autobús non se detén nas paradas do transporte escolar á que viñan tendo dereito e que estiveron usando ao longo destes anos atrás”.

Suárez Barcia dixo que “as familias teñen un sentimento de frustración moi grande ao non teren unha explicación clara para saber a que responde esta alteración substancial nos puntos de parada do transporte escolar. E polo que puidemos saber, as alternativas que se ofrecen son en todos os casos moito máis lesivas, dado que as novas ubicacións das paradas sempre se propoñen a máis distancia dos domicilios familiares, chegando en moitos casos a plantexarse no sentido contrario á proximidade do centro educativo”.

O alcalde ribadense sinalou: “sabemos que desde o Concello de Ribado non temos as competencias nin en educación nin en transporte, aínda que colaboramos de xeito importante ao mantemento e conservación do CEIP Gregorio Sanz e vemos como, unha vez máis, se están a producir taras e problemas por vivir no rural. Nestes últimos anos desde o Concello de Ribadeo fomos renovando e aumentando as marquesiñas das paradas do transporte escolar, nalgúns casos coa axuda tamén da Deputación de Lugo. E agora vemos que algunhas delas van quedar inservibles ao propósito escolar para o que foron instaladas”.

Fernando Suárez manifestou: “ademais temos que dicir que nos sorprende porque a poboación das parroquias non tivo movementos residenciais significativos nestes derradeiros anos, polo que non acabamos de entender esta decisión tan pouco afortunada. Se queremos, entre todos, apostar por un mundo rural vivo debemos contribuír a dar máis servizos e non precisamente a eliminar ou restrinxir os poucos que día a día van quedando”.

O rexedor engadiu que “por todo iso, desde o Concello de Ribadeo, con todo respecto, mais de xeito enérxico, nos diriximos ao presidente da Xunta de Galicia, porque é responsable da competencia de Transportes e Mobilidade, para que paralice este despropósito que se creou neste curso académico que agora empeza e que tan preocupados ten a tantos pais e a tantas nais de aquí de Ribadeo”.

Exit mobile version