Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo agradece o esforzo feito polo grupo de mozas e mozos que este ano se animou a organizar as festas

Ribadeo, 9 de setembro, 2022. Despois de dous anos nunha situación totalmente anómala, ou en parte, por fin podemos celebrar todos e todas as festas patronais (San Roque e Santa María do Campo). Tras o esforzo feito pola anterior comisión de festas, que desde aquí tamén recoñecemos e agradecemos, un grupo de xente nova soubo combinar a experiencia acumulada pola anterior comisión con ideas novas. De feito, compartiron dita experiencia pedindo consello cando tiñan dúbidas, e souberon sumar innovacións que deron aire fresco á celebración.

Queremos destacar que é posíbel facer festas mostrando a nosa cultura e combinando a verbena clásica con concertos de grupos de xente nova; tamén é posíbel botar man de celebracións como o Día de Rosalía (o caldo de gloria organizado pola comisión) ou dunha tradicional mexilloada á fresca nunha tarde de verán (en San Roque). Así mesmo, distribuír os actos ao longo dunha semana, para superar os inconvenientes da casuística do calendario, supón un maior aproveitamento dos diferentes actos e un reclamo maior.

O tratamento que foron dando ás festas a través das redes sociais, ese manter a sorpresa nalgúns actos até o último momento, supón unha novidade ben atractiva. E logra manter a atención da xente en torno á celebración da festa. En fin: estamos ante un grupo de xente nova que ten moitas ideas novas que nos achegar; e ten ganas de traballar. Deámoslles o noso apoio participando masivamente nos diferentes actos e proporcionémoslles a mellor razón para seguiren organizando as festas en anos sucesivos: o noso recoñecemento e o apoio nas diferentes tarefas a levar a cabo ao longo do ano para que sexan posíbeis novas Festas da Patroa.

Desde o BNG de Ribadeo tamén queremos lembrar o traballo do grupo municipal nacionalista que, a través da súa acción de goberno no Concello de Ribadeo, apoiou sempre de xeito decidido a celebración das Festas da Patroa (San Roque e Santa María do Campo).

Exit mobile version