Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo sumouse aos actos de celebración da fundación da formaión

Ribadeo, 29 de setembro, 2022. O BNG de Ribadeo tamén celebrou o corenta aniversario da fundación do Bloque Nacionalista Galego no frontón de Riazor o 25 de setembro de 1982. Desde entón, o BNG loitou por aglutinar todas as tendencias políticas que tiñan como referente fundamental a capacidade de decisión desde Galiza sen nos someter a forzas alleas que obedezan a outros intereses.

Na actualidade, ben acabamos comprobando que a capacidade de decisión dunha forza política é fundamental para podermos levar á práctica políticas centradas no país e sen obedecer as consignas de centros de poder alleos á Galiza. Coa mesma humildade e vontade (de hai anos) de xuntar nunha casa común todas as persoas e grupos que puxeran por diante esa capacidade de decisión propia, seguimos apostando por fortalecer a forza política que realmente representa os intereses de Galiza como nación e de todas as persoas que teñen unha visión progresista; unha organización que faga fincapé en defender o máis débil fronte aos grandes oligopolios que nos someten coas súas decisións baseadas no seu beneficio inmediato, a costa dos esforzos das clases populares, e no sacrificio do noso tecido produtivo.

Pero tamén queremos destacar a grande achega feita polos distintos gobernos municipais do BNG ao longo destes corenta anos. Ribadeo foi un claro exemplo desas políticas pensadas en clave de país, centrando a súa atención sempre nos sectores máis desfavorecidos da sociedade, nos movementos xuvenís e feministas, e no tecido cultural.

Ese movemento asociativo foi agromando e desenvolvéndose en Galiza ao longo destes anos contando sempre co apoio das políticas do BNG alí onde ostentaba responsabilidades de goberno.

A ninguén se lle pode escapar a evidencia de que o labor de goberno do BNG en Ribadeo, nas súas diferentes etapas, foi un exemplo de políticas que puxeron o noso concello no centro da actividade comarcal a un e outro lado da ría de Ribadeo, e que fixeron de nós un facho referente en toda Galiza do labor político municipal. Trátase dun traballo colectivo que ía máis alá do propio BNG. E iso porque o que realmente nos preocupaba era a participación, en todos os sentidos, dos distintos sectores da sociedade, sentíranse ou non plenamente identificados co noso ideario, coa fin de lograrmos remar todos e todas na mesma dirección: a defensa da nosa cultura e da nosa lingua, dos nosos sectores produtivos e de políticas progresistas que acabaran recoñecendo dereitos sociais inimaxinábeis hai trinta ou corenta anos.

A presenza, durante moitos anos, de gobernos do BNG en Ribadeo tamén a podemos notar no grande desenvolvento económico e social, con todos os condicionantes existentes, pois non todo depende de políticas municipais. Igualmente, se Ribadeo hoxe destaca na comarca por un urbanismo racional e sustentábel, iso é debido á constante defensa do noso contorno que o BNG fixo para que así fose.

Con ese mesmo espírito afrontamos esta nova etapa na que se albisca con claridade que o BNG é a alternativa política ao PP na Xunta de Galiza, que se percibe claramente a súa capacidade de acción de goberno alí onde ostenta a alcaldía ou comparte labores de goberno, tanto en concellos como nas deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra. No noso concello seguimos a desenvolver políticas que transforman Ribadeo e seguen a mantelo como referente comarcal, que defenden os nosos sectores produtivos, os nosos produtos locais, a nosa actividade comercial, o noso tecido asociativo. Un labor de goberno que sempre pon por diante os sectores da poboación máis desfavorecidos nestes momentos de tanta necesidade e de tanta inestabilidade. Un labor de goberno destinado a colaborar con todas aquelas institucións que poidan facer achegas importantes para Ribadeo. Ese é o noso cometido e seguiremos abertos e abertas a seguir configurando equipos abertos e plurais nos que caiban todas as sensibilidades que teñan por interese primordial Ribadeo.

Exit mobile version