Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG inicia en San Cibrao a campaña en defensa da atención primaria co apoio a ILP promovida por SOS Sanidade Pública e pola Plataforma Sanitaria

Recollida de sinaturas en todos os concellos, actos informativos e mobilizacións centrarán a actividade dxs nacionalistas neste eido nos vindeiros meses para evitar que o PP siga xogando coa nosa saúde

A Mariña, venres 9 de setembro 2022. A sanidade pública de todo o país está a pasar por un dos peores momentos con múltiples problemas tanto na atención hospitalaria, coma na atención primaria. Como é sabido, as políticas sanitarias do Partido Popular levaron a esta situación que se fai notar, e dun xeito moi acusado na nosa comarca, na Mariña.

Desde o ano 2009, coa entrada do Partido Popular na Xunta de Galiza a sanidade mariñá vén sufrindo diferentes recortes e redución de servizos que se viron acentuados coa supresión da Área Sanitaria da Mariña en 2017. Este foi o punto de inflexión que marcou un antes e un despois na calidade da sanidade pública mariñá. Mais co paso dos anos a situación empeorou dun xeito dramático levando a que a sanidade mariñá estea rozando o colapso, tanto no Hospital de Burela como nos Centros de Saúde da maioría dos concellos da comarca.

Esta realidade levou a grandes mobilizacións e protestas por parte de toda a cidadanía, dos e das profesionais sanitarios e da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña que ano tras ano seguen enchendo as rúas e os formularios de queixas que certifican unha realidade da que todos somos conscientes. “Estamos ante un goberno do PP cruzado de brazos, que non está dando solucións aos grandes problemas que están condicionando a vida da xente, e aí está a asfixia da sanidade pública tras trece anos de recortes e privatizacións, e vemos cada día un novo exemplo de deterioro da sanidade pública” afirmou o deputado Daniel Castro, que tamén se referíu á necesidade de incrementar nun 2,2% os recursos destinados á atención primaria nos próximos orzamentos da Xunta para acadar un mínimo de 200 millóns de euros.

Non podemos permitir que o PP siga xogando coa nosa saúde

Do mesmo xeito, o responsable comarcal Antonio Veiga afirmou que “no Hospital da Mariña, no que aumentan os metros cadrados e diminúen os servizos, segue a incrementarse día a día as derivacións ao HULA, polo que os e as mariñás ven reducidos progresivamente os servizos que teñen dereito a ter e coa agravante de que temos a atención primaria na comarca ao borde do colapso nos centros de saúde. Non podemos permitir que o PP siga xogando coa nosa saúde” cocluíu.

Durante os meses de setembro e outubro, o BNG, realizará recollida de sinaturas en apoio desta ILP en todas as localidades e centros de saúde da comarca, actos informativos e mobilizacións.

Exit mobile version