Site icon Crónica3.com A Mariña

O colectivo cultural Ollomao de Barreiros inicia o seu obradoiro de teatro infantil e xuvenil

A presentación terá lugar o sábado 17 nos Colexios Vellos de San Miguel de Reinante

Barreiros, 11 de setembro, 2022. Esta actividade que se ven realizando de xeito continuado desde o ano 2013, consiste basicamente na realización dun obradoiro teatral baseado nas técnicas da interpretación, o clown, a coreografía e o teatro físico, partindo sempre da consideración que o teatro é un xogo e que é a partir do xogo como se pode chegar a entender e desfrutar. Enfocamos sempre a actividade desde o punto de vista da formación máis que na de buscar un produto final. Consideramos que o importante é o proceso en si, non a consecución dunha montaxe que, en todo caso sería o resultado final dese proceso pero non o obxectivo en si mesma.

Para Ollomao é fundamental crear alternativas de ocio e esparcemento para as crianzas ao mesmo tempo que se fomentan as relacións interpersoais e se busca introducir na cultura e a creación artística aos cativos-as dende idades temperás.

Centramos esta actividade nun obxectivo básico: aprender e divertirse, pero a partir deste eixe central buscamos conseguir outros obxectivos non menos importantes: Traballar os sentidos a imaxinación e a creatividade. Potenciar o pensamento crítico e a reflexión. Axudar na socialización dos nenos e nenas. Traballar a concentración e a atención. Transmitir a importancia da colaboración, do traballo en equipo, da axuda mutua. Reforzar as actitudes de axuda dos maiores cara aos pequenos, e por suposto, rachar de raíz con calquera mínimo indicio de desigualdade de xénero, tentando de facer mesmo discriminación positiva para que as nenas asuman roles dominantes que potencien o seu empoderamento.

Esta actividade está dirixida a nenas e nenos de entre 6 e 16 anos, preferentemente do Concello de Barreiros pero sen excluír aos de outros concellos. A nosa idea inicial é facer dous grupos en función da diferenza de idades existente: un grupo formado por nenas-os de entre 6 e 10 anos e outro con nenas-os de 11 a 16 anos. En función do número de matriculados veremos a posibilidade de facelo ou de que só haxa un grupo.
O obradoiro desenvolverase en sesións de 3 horas en sábados alternos, é dicir, dous sábados ao mes, en horarios de mañá ou tarde, entre os meses de setembro de 2022 e xuño de 2023, e terá un custe de entre 10 e 15 € ao mes para cada alumno-a segundo o número de matriculados.

A todos-as aqueles que pensen que esta actividade lles pode interesar, convidámolos a asistir o vindeiro sábado, 17 de setembro ás 16:00 h. acompañada/o de seus pais-nais ou titor/a legal aos Colexios Vellos de San Miguel onde haberá unha presentación do Obradoiro. A continuación poderán quedar na primeira sesión para ver se lles gusta. A asistencia a esta primeira sesión non suporá ningún custo para os participantes. Non é preciso anotarse por adiantado, simplemente acudir aos Colexios Vellos no horario indicado

Exit mobile version