Site icon Crónica3.com A Mariña

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou a escola infantil de Foz que ofrece 53 prazas nas distintas aulas de 0 a 3 anos

Foz, 12 de setembro de 2022. A Consellería de Política Social e Xuventude destina 5,3 millóns de euros a financiar as prazas de todas as escolas infantís da provincia de Lugo, que desde este curso son totalmente gratuítas para os usuarios.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a escola infantil de Foz, que pertence á rede de centros públicos autonómicos e ofrece 53 prazas nas distintas aulas de 0 a 3 anos.

Neste arranque de curso, Arias explicou que a gratuidade do servizo beneficia no conxunto da provincia a máis de 3300 nenos e nenas e supón un aforro para as familias de entre 1500 e 2000 euros.

A Xunta garante asistencia gratuíta por un máximo de oito horas ao día en todos os centros, independentemente da súa titularidade, ben sexan públicos (tanto autonómicos como municipais) ou privados, o que permite que as familias escollan a escola que mellor se adapte ás súas necesidades.

Arias subliñou que o obxectivo do Goberno galego é facilitar ao máximo a conciliación das familias en todo o territorio; ao respecto, lembrou que xa hai anos que se puxeron en marcha as casas niño como servizo gratuíto para as familias que residen en contornas rurais.

Desde o ano 2016, na provincia de Lugo puxéronse en marcha 115 prazas de atención nos concellos do rural a través das casas niño. Estes centros xa eran gratuítos para todos os nenos. Así mesmo, o delegado sinalou que coa gratuidade das escolas infantís “Galicia sitúase á vangarda da atención nesta etapa educativa, que non ten carácter obrigatorio”, afirmou o delegado.

Exit mobile version