Site icon Crónica3.com A Mariña

O IES Perdouro inicia a segunda edición do curso de Cualificación Lingüística

O único CUALE en Lingua Portuguesa da provincia de Lugo abre coa intervención do profesor Xoán Moreda Pinto

Burela, 20 de setembro, 2022. A biblioteca do IES Perdouro acollerá ás 16:00 horas de mañá mércores, 21 de setembro, a primeira sesión do novo curso de Cualificación Lingüística para Estudantes (CUALE), un complemento formativo destinado a persoas matriculadas en ciclos de Formación Profesional ou no Bacharelato co obxectivo de preparar as probas da titulación B1 nas Escolas de Idiomas.

O encargado de abrir esta segunda sesión do único CUALE en lingua portuguesa da provincia de Lugo será Xoán Moreda Pinto (Foz, 1961), ex-docente de Filosofía no IES Marqués de Sargadelos e que agora -xa xubilado- continúa moi implicado na vida cultural da comarca a través do grupo musical Os Lambóns. O que fora concelleiro en Foz e fundador das asociacións A Pomba do Arco e A Subela iniciou os estudos lingüísticos na Escola Oficial de Idiomas de Lugo para fortalecer os lazos coa familia materna, procedente do distrito de Braga.

O acto servirá tamén como presentación da profesora Vanesa Vila Verde Lamas, que chegou no presente curso ao IES Perdouro para consolidar os estudos de Lingua Portuguesa, que se viñan ofrecendo desde hai 18 cursos (concretamente desde setembro de 2005) e que agora contan con departamento propio.

Durante o curso 2021-22, o IES Perdouro foi, co IES do Rosal, un dos dous únicos centros de ensino secundario galego que ofreceu á súa comunidade educativa a posibilidade de completar formación para a obtención da titulación B1 en lingua portuguesa. No mes de xuño realizaron en Lugo as probas de certificación unha profesora e cinco alumnos e alumnas (catro de Bacharelato e un de Formación Profesional), conseguindo un éxito do 100% de aprobados.

Exit mobile version