Site icon Crónica3.com A Mariña

O restaurante O Oviedo de Ribadeo participará na próxima edición de Galicia Fórum Gastronómico

Ribadeo, 20 de setembro, 2022. O restaurante O Oviedo participará na próxima edición de Galicia Fórum Gastronómico, o principal evento do sector gastronómico en Galicia, que terá lugar na Coruña os próximos días 25, 26 e 27 de setembro.

O Oviedo súmase, deste xeito, á representación lucense no evento, na que acompañará, no ámbito gastronómico, a María Varela (A Parada dás Bestas, Palas de Rei) e Héctor López (Restaurante España, Lugo).

A cociñeira deste clásico ribadense, Mar Orosa, participará na sesión Cociñeiras do Camiño, que terá lugar o domingo 25 e na que exporá o seu traballo, así como a colaboración que desde o restaurante levan a cabo con produtores da zona para poñer en valor o produto de calidade de Ribadeo e da Mariña.

Mar Orosa volverá a ExpoCoruña na tarde do martes, neste caso como representante do colectivo Cociñeiros Lugo, para intervir no encontro de colectivos de cociña de Galicia, no que participarán tamén membros de Grupo Nove, Cociña Ourense, Coruña Cociña e Vigo Gastronómico.

Deste xeito, O Oviedo convértese no único representante da restauración da Mariña en formar parte do programa oficial deste evento bianual, o que supón un reto para o equipo, pero tamén unha oportunidade para mostrar o seu traballo e dar visibilidade a produtos, produtores e proxectos da zona que están a converter a Ribadeo nun foco gastronómico cun enorme potencial para os próximos anos.

Exit mobile version