Site icon Crónica3.com A Mariña

O veto á pesca de fondo tería un impacto de ata 816 M€ na economía galega e podería afectar a arredor de 4.400 tripulantes

A titular de Mar recorda que a Comisión Europea non aportou os ditames nos que sustenta o veto malia que lle foron solicitados por Galicia en distintas ocasións e salienta que as comunidades do Cantábrico e Andalucía farán unha fronte común na defensa dos intereses do sector

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2022. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, expuxo hoxe no Parlamento de Galicia que o veto á pesca de fondo aprobado por Bruxelas en preto dun cento de áreas de augas comunitarias tería un impacto de ata 816 millóns de euros na economía galega. A titular de Mar salientou que esta estimación, realizada en base ás Táboas Input-Output da Pesca-Conserva Galegas 2019, mostra que esa prohibición da actividade pesqueira provocaría o colapso de moitas outras actividades marítimo-pesqueiras e da cadea mar-industria, ben pola caída loxística, o arrastre comercial ou a perda de demanda de bens.

A representante do Executivo galego lamentou que a Comisión Europea non realizase ningunha análise social e económica antes de adoptar esta medida, algo que sinalou como crucial dado que pode chegar a afectar a máis de 4.400 tripulantes, arredor do 40% do total na comunidade. Ese veto, incidiu, repercute directamente na actividade de máis de 200 barcos de capital galego, e pode afectar a outros 900 de xeito indirecto, co seu consecuente impacto nas vendas en lonxa, nos salarios das tripulacións e na prestación de bens e servizos, entre outros aspectos.

Rosa Quintana subliñou que con este veto o Executivo comunitario obvia que nas áreas acoutadas se viña pescando desde hai décadas, e mesmo séculos, sen que esa actividade afectase aos hábitats. Por este motivo, indicou que non tiña tanta urxencia adoptar unha medida deste calado e tan prexudicial para a frota, sen facer unha consulta previa seria ao sector e aos países afectados.
Nesta liña, puxo de relevo que os propios pescadores son conscientes das zonas en que hai hábitats sensibles e que evitan faenar nelas. Ao mesmo tempo, lembrou que este tipo de vetos poden ter efectos perniciosos provocando desequilibrios na cadea trófica deses ecosistemas mariños.

Recurso xudicial

A conselleira do Mar defendeu a necesidade de que España -actor privilexiado como país membro- interpoña un recurso xudicial contra este regulamento para evitar a súa aplicación, algo que a Xunta xa lle pediu ao Goberno central e que se fai máis urxente unha vez que a Comisión Europea rexeitou a paralización da súa entrada en vigor.

A titular de Mar salientou que o Executivo galego apoiará calquera actuación que se adopte neste sentido, tanto do Estado como do sector, aportando datos e argumentos técnicos e xurídicos que contribúan a lograr a suspensión temporal desta medida. En caso de que o Estado non presente recurso, aclarou, farao a Xunta malia que tería menos posibilidades de prosperar.

Rosa Quintana lembrou que esta prohibición -que se publicou no Diario Oficial da Unión Europea o pasado 19 de setembro e entrará en vigor o 9 de outubro- ten o seu xerme na Estratexia de Biodiversidade aprobada pola Comisión Europea en 2020. Desde entón Galicia presentou argumentos, mantivo distintas reunións e presentou informes ante a súa preocupación polo impacto que esta medida podía ter no sector. Pola contra, lembrou, Bruxelas non aportou os ditames nos que se sustenta o veto malia que lle foron solicitados pola Xunta en distintas ocasións.

Sen apoio maioritario

A representante do Executivo galego puxo de relevo que esta medida foi aprobada sen un acordo unánime nin maioritario da Unión Europea e que o Executivo comunitario decidiu seguir adiante cun resultado de “non decisión”. Este xeito de actuar, dixo, escapa do que é habitual no seo da Comisión e reiterou a necesidade de que esta prohibición se volva tramitar desde cero, posto que é nociva e está mal sustentada.

A conselleira sinalou que Bruxelas debería aprobar unha moratoria na entrada en vigor deste veto, o que abriría a porta a revisalo cunha achega rigorosa de datos e á adecuación do alcance do mesmo. De feito, dado que en novembro se vai revisar esta medida, a comunidade pide un período de gracia de dous meses pois “retrasala dous meses non provocaría danos irreversibles nos hábitats, pero si pode provocalos na frota”.

Mentres o Executivo comunitario non rectifique, engadiu, Galicia vai seguir traballando e buscando alianzas con outras comunidades e rexións pesqueiras co obxectivo de crear unha fronte común contra esta medida. Nesta liña, anunciou, este venres reuniranse en Santander representantes dos Gobernos autonómicos de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Andalucía co fin de mostrar a súa unidade contra esta prohibición e traballar da man na defensa do sector.

Ao mesmo tempo, a comunidade vai iniciar contactos con outras rexións pesqueiras europeas afectadas e con representantes do Parlamento Europeo para tentar frear este despropósito, posto en marcha con datos parciais e sen actualizar. En paralelo, a Xunta solicitará unha xuntanza co comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, e a directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca, Charlina Vitcheva, para expoñer as consideracións de Galicia sobre este asunto.

Rosa Quintana concluíu destacando que Bruxelas ten que ter claro que o sector pesqueiro galego non está en contra de que existan zonas protexidas, que xa existen, pero pide que se establezan a través do diálogo e de xeito sustentado e xustificado na ciencia, de forma equilibrada e proporcionada.

Exit mobile version