Site icon Crónica3.com A Mariña

Pepe Otero presentará o martes o seu novo libro na casa da cultura de Foz

Foz, 2 de setembro de 2022. O vindeiro martes, 6 de setembro, ás 12:30 horas a Casa da Cultura Manuel María, de Foz, acollerá a presentación do último libro de Pepe Otero, titulado O mito da razón e outros relatos. Os beneficios das vendas desta publicación destinaranse ao banco de alimentos focego.

Neste libro o autor, moi recoñecido na Mariña e docente durante moitos anos no IES de Foz, realiza unha selección dos seus últimos artigos de opinión publicados en prensa. No acto intervirán o ex director da Real Academia Española Darío Villanueva e o escritor Ramón Reimunde.

Os beneficios obtidos das vendas do libro destinaranse integramente ao banco de alimentos municipal de Foz. A alcaldesa en funcións, Inés López Couto, agradece “a xenerosidade de Pepe Otero cos veciños e veciñas de Foz. O departamento de Servizos Sociais utilizará os recursos para cubrir as necesidades máis acuciantes daqueles que pasan un mal momento vital”.

O acto contará coa colaboración das tres librerías do municipio (Bahía, Ofifoz e Rapadoira), que porán á venda o libro nos seus establecementos.

Música este sábado
A programación cultural do Concello de Foz inclúe a actuación da Rondalla Latexos este sábado, 3 de setembro, ás 20:30 horas na praza Conde de Fontao. Forma parte do XV Sons na Rúa, ciclo no que se programa ademais un concerto de Acordeóns da Mariña para o 10 de setembro, tamén na praza Conde de Fontao.

Exit mobile version