Site icon Crónica3.com A Mariña

1º Mercadiño Solidario e de 2ª Mao “O Cantel Liberando”, este domingo no CEIP O Cantel de Foz

Foz, 8 de outubro, 2022. A asociación de familias do alumnado (AFA) do CEIP O Cantel de Foz organiza o “1º Mercadiño Solidario e de 2ª Mao” intitulado “O Cantel Liberando”.

As familias do CEIP O Cantel estiveron liberando as súas casas de libros, xogos, xoguetes e obxectos de decoración, produtos de xente adulta e infantil, para todas as idades e gustos.

O Cantel Liberando terá lugar no recinto do CEIP O Cantel este domingo 9 de outubro entre as 10:00 e as 17:00 horas. É un mercadiño aberto a toda a vila e visitantes que queiran achegarse.

A vertente solidaria deste mercadiño consiste en que o acceso ao mercadiño faise coa doazón e o depósito nos carriños situados na entrada do mercado dun produto para o Banco de Alimentos de Foz. O equipo da AFA coordinouse cos Servizos Sociais do Concello de Foz para poder indicarlle ao público xa na publicidade do mercadiño os produtos que son de maior necesidade neste momento: leite enteiro, aceite de xirasol, atún en conserva, arroz, tomate frito, galletas, azucre, lentellas, xel ou champú.

Ás 12:00 haberá a poxa (subasta) dos mellores produtos que quedarán reservados ata ese momento. E ao remate da poxa teremos música en directo coa actuación da DKBand; un magnífico combo da Escola de Música que interpreta blues, rock e pop rock .

O mercadiño contará cun posto de biscoitos e bebidas quentes.

Ás 16:30 e como colofón do mercadiño realizarase o sorteo de dous vales para unha sesión de Spa (acceso de 1 hora e 30 minutos ao clube e circuíto termal) nun recoñecido Hotel Spa de Vilalba.

A AFA do Cantel vén de renovar o seu equipo e comeza este curso 22/23 con pulo. Co inicio do curso abriron o servizo A madrugar! para axudar á conciliación familiar e o programa “As tardes no Cantel”.

“As tardes do Cantel” inclúen unha serie de novas propostas coma os obradoiros de Pintura Creativa, con Adriana Pardo de “manchArte”, Horta na Escola con Andrea González de “Tropic Gaia”, Robótica con Noelia Castro de “Ciencias Candil”, Break Dance con Jaime Burrell e Ioga con Olalla Martínez. Outra nova proposta das Tardes no Cantel é a intitulada “Montes de Contos n’O Cantel”. Trátase de sesións regulares de animación á lectura preparadas polas familias e dirixidas ás familias, organizadas por ciclos educativos: o 1º mércores do mes a sesión está adicada ás familias de Educación Infantil e denomínase “Pico da Lebre”, o 2º mércores tócalle ao primeiro ciclo da Primaria que forman “A Frouxeira”, o 3º mércores é para “Cornería” que son o segundo ciclo da Primaria, e o terceiro ciclo da primaria conforma o “Alto de Virín”.

Neste trimeste a AFA leva adiante un conxunto de 6 obradoiros relacionados co Medio Ambiente e impartidos na escola por profesionais da ADEGA, e un total de 7 xornadas de visitas a granxas da provincia de Lugo. Estas últimas actividades forman parte do programa da área de Medio Rural da Deputación de Lugo.

A AFA deseñou un plan de Brigadas que busca activar a implicación familiar na vida da escola e crear unha comunidade de apredizaxe activa.

Exit mobile version