Site icon Crónica3.com A Mariña

A subdelegada anima á mocidade da Mariña a solicitar as axudas de 400€ do Bono Cultural antes de que remate o prazo, o 31 de outubro

Contémplase que cada persoa beneficiaria pode destinar ata 200€ a asistir a espectáculos de artes en vivo, un máximo de 100€ a bens culturais en soporte físico e outros 100€ ao consumo dixital ou en liña

Foz, 25 de outubro 2022. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, animou hoxe á mocidade da Mariña e do resto da provincia a aproveitar a oportunidade de beneficiarse das axudas de 400 euros que ofrece o Goberno co Bono Cultural Xove, a iniciativa do Ministerio para dinamizar a industria cultural. “Queremos que os 2.341 lucenses de 18 anos aproveiten este programa para gozar de actividades e produtos culturais durante un ano”, sinalou a subdelegada, que lembrou que o prazo para solicitar o bono remata o luns, 31 de outubro.

Rodríguez informou que a día de hoxe son máis de 830 persoas, o 35,67% do total, as que xa están a desfrutar desta iniciativa do Goberno, pero remarcou que “o noso obxectivo é chegar ao 100% da poboación potencial, resístome a que alguén perda esta oportunidade de acceder á cultura. Por iso, nesta recta final da campaña, amplíamos o prazo e facilitamos a solicitude a través das 26 oficinas de Correos da provincia”. A subdelegada presentou o Bono Cultural, na sede de Correos do Concello de Foz, xunto ao alcalde, Francisco Cajoto, o xefe de sector provincial, Miguel Ángel García, e a directora da oficina, Alicia Cao.

Durante o encontro, Isabel Rodríguez explicou que o deseño do Bono, dividido en tres tramos, “favorece diversificar o investimento” e, para iso, contémplase que cada persoa beneficiaria pode destinar ata 200 euros a asistir a espectáculos de artes en vivo, patrimonio cultural e artes audiovisuais; un máximo de 100 euros a bens culturais en soporte físico, como libros ou discos; e outros 100 euros ao consumo dixital ou en liña.

Nesta liña, sinalou que o Bono Cultural non é só un plan dirixido ás persoas novas, pois o proxecto tamén está enfocado a potenciar e impulsar o sector cultural cunha inxección de máis de 200 millóns de euros en todo o territorio. Ademais, avanzou que o Goberno mantén no proxecto de Presupostos Xerais do 2023 a partida para o Bono Cultural, polo que todas as persoas nacidas en 2004 terán dereito ás axudas.

Solicitude presencial e dixital
O Goberno, en colaboración con Correos, abriu un novo proceso de solicitude presencial, sen necesidade de que os rapaces teñan que facelo a través da identificación dixital. Así, os interesados só teñen que rexistrase na web do bono https://bonoculturajoven.gob.es/, co seu correo electrónico na opción “Solicitar bono en Correos”, completar o formulario e presentalo en calquera oficina de Correos xunto co DNI ou NIE. Unha vez presentada a solicitude e cotexados os datos persoais, Correos trasladará esas solicitudes ao Ministerio de Cultura para a súa resolución.

Ademais, o Ministerio de Cultura mantén a opción de poder rexistrarse a través da app específica do programa mediante certificado dixital ou chave PIN. Unha vez concedida a axuda, recíbese unha tarxeta física ou virtual, cargada cos 400 euros da axuda, para usar en todas as empresas culturais adheridas ao programa.

Exit mobile version