Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta entrega á frota argumentos sólidos para que as casas armadoras poidan fundamentar os recursos individuais contra o veto da Comisión Europea

A conselleira do Mar chama ao conxunto da cidadanía galega a apoiar a un sector fundamental para a economía de Galicia e que mañá se vai mobilizar en Ribeira contra unha medida que se adoptou en base a datos parciais e sen actualizar

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2022. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un novo encontro con representantes do sector pesqueiro galego e xuristas especializados para analizar os últimos acontecementos sobre o veto á pesca de fondo decretado por Bruxelas. A titular de Mar entregou ao sector un documento con argumentos sólidos recompilados nas últimas semanas cos que fundamentar os recursos individuais que decidan presentar as casas armadoras na defensa dos seus intereses.

A representante do Executivo galego aclarou que esa mesma análise vai ser enviada tamén ao Goberno central co obxectivo de fortalecer o recurso que o Estado vai presentar contra o regulamento de execución publicado o pasado 19 de setembro no Diario Oficial da Unión Europea.

Rosa Quintana salientou que o domingo entra en vigor a prohibición de faenar en certas zonas de augas comunitarias, o que vai provocar que moitos buques de capital galego teñan que desprazarse a áreas nas que xa hai outros pesqueiros traballando e que tamén se van ver prexudicados polo solapamento de espazos de pesca.

Por iso, a conselleira apelou á necesidade de que o Goberno central presente canto antes o recurso contra esta medida, solicite a suspensión temporal da súa aplicación e realice de xeito paralelo as xestións políticas pertinentes co obxectivo de acadar unha moratoria. Tanto a suspensión temporal como a moratoria, dixo, permitirían gañar tempo para revisar a medida cos últimos informes científicos e socioeconómicos dispoñibles e que a frota poida salvar a campaña de Nadal.

A titular de Mar subliñou que a Comisión Europea debería reflexionar sobre o modelo de xestión pesqueira que está levando pois provoca a concentración de buques nos mesmos caladoiros, o que pode derivar nunha sobreexplotación dos recursos e que especies que están en bo estado biolóxico poidan chegar a estar en risco.

Nesta liña, incidiu en que os pescadores son os primeiros interesados en practicar unha pesca sustentable, pois é a base do seu futuro, e que sempre estiveron comprometidos co cumprimento de todas as normativas que inciden na súa actividade. Neste sentido, lembrou que a maioría de stocks nos que faena a frota galega se atopan en bo estado e que o sector pesqueiro sempre mostrou o seu compromiso coa sociedade traballando incluso nos momentos máis difíciles -como a pandemia da covid-19- para ofrecer alimentos de calidade aos consumidores.

Rosa Quintana asegurou que é de xustiza que a frota teña seguridade xurídica e que o conxunto da cidadanía apoie aos pescadores ante unha medida totalmente inxusta e adoptada de xeito unilateral, sen consultar aos principais afectados e baseándose en datos parciais e sen actualizar.

Apoio da sociedade
Por iso, pediu ás galegas e galegos que apoien ao sector nestes difíciles momentos -dado o veto vai impactar no conxunto da economía de Galicia- e animounos a participar mañá na concentración que se vai celebrar en Ribeira en apoio ao sector pesqueiro e contra o veto aprobado por Bruxelas. “Estamos ante un sector responsable e comprometido coa sociedade, polo que debe recibir todo o noso apoio na defensa dos seus intereses, porque é fundamental para Galicia”, concluíu.

O veto á pesca de fondo decretouse sen a debida consulta ao sector e aos países implicados, un feito polo que onte mesmo o Parlamento Europeo solicitou a súa revisión. Rosa Quintana apelou a que a Comisión Europea escoite o clamor que hai en contra desta medida, rectifique e inicie unha consulta exhaustiva a todas as partes implicadas.
A conselleira do Mar estivo acompañada na xuntanza polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e nela participaron representantes das principais asociacións da frota así como xuristas especializados neste tipo de cuestións da Fundación MarInnLeg e do Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga da Universidade da Coruña.

Exit mobile version