Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta triplicará en 2023 o orzamento para as axudas de prevención fronte ao lobo, ata alcanzar os 1,9 M€

O Goberno galego reforza a súa aposta pola prevención cunha partida sen precedentes para apoiar ao sector na adopción de medidas que minimicen os danos

Oza-Cesuras (A Coruña), 11 de outubro de 2022. A Xunta de Galicia triplicará o vindeiro ano o orzamento destinado ás axudas para aplicar medidas de protección que eviten ou mitiguen os prexuízos causados polo lobo nas explotacións agrícolas e gandeiras. Deste xeito, a cifra dispoñible ascenderá a 1,9 millóns de euros fronte aos 600.000 euros que reservou o Goberno galego a tal fin na convocatoria deste ano.

Así o anunciou esta mañá en Oza-Cesuras a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen recalcou que se trata dunha contía “sen precedentes” para previr os ataques do lobo en Galicia, un esforzo que enmarcou na aposta da Xunta pola prevención e no seu “apoio” ao sector primario ante o escenario de incerteza xerado polo Goberno central coas súas recentes decisións sobre a xestión desta especie.

Durante a súa visita a unha explotación que en 2021 sufriu un destes ataques e recibiu unha axuda autonómica por importe de case 600 euros, a responsable galega lembrou que coa inclusión do lobo na Lesrpe (Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial), o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico demostrou descoñecer a realidade das comunidades lobeiras do país, entre elas Galicia, onde o estado de conservación da especie é “favorable” grazas á xestión da Xunta.

Neste sentido, salientou que desde 2017 a cifra de avisos e animais afectados polas incursións do lobo se manteñen estables en Galicia, con máis de 1.200 chamadas ao ano relacionadas con supostos ataques desta especie e máis de 2.000 reses afectadas.

Para contrarrestar estes datos e apoiar ao sector gandeiro na súa convivencia con esta especie silvestre, a conselleira explicou que a Xunta aposta desde hai anos por convocar sucesivas ordes de axudas para paliar os danos que provoca e para adoptar as medidas e accións de protección necesarias co obxectivo de evitar o impacto que teñen estes ataques sobre as explotacións gandeiras.
De feito, só no período 2016-2022 o Goberno galego destinou case 6 millóns de euros a pagar indemnizacións e gastos de prevención e o ano que vén se reservarán 2,5 millóns de euros máis para ambas ordes de axudas.

Galicia, fóra do reparto de fondos do Estado
A pesar do esforzo económico realizado pola Xunta nos últimos anos e do peso que ten a especie no territorio galego, a conselleira lamentou que o Goberno central acabe de confirmar a súa intención de deixar a Galicia fóra do reparto dos 20 millóns de euros reservados nos orzamentos xerais de 2022 para paliar os danos do lobo.

Ao respecto, a conselleira explicou que esta mesma mañá recibiu unha carta do secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, na que se afirma que se a Comunidade quere recibir parte deses fondos “ten que aceptar” antes a Estratexia nacional do lobo aprobada este verán. “Pero Galicia non pode aceptala porque suporía vender aos gandeiros e incluso vender a biodiversidade”, declarou.

En todo caso, Ángeles Vázquez confirmou que a Xunta seguirá estando “ao carón dos gandeiros”, mobilizando só no eido da prevención un total de 1,9 millóns de euros a través dunha nova convocatoria de axudas que financiarán, entre outros, a adquisición e manutención de cans protectores e defensores do gando, a compra de pastores eléctricos, ou a instalación de cerrumes móbiles de malla electrificada ou de valados.

Neste sentido, tras subliñar que o problema do lobo non afecta só ás grandes comarcas gandeiras galegas senón tamén a municipios cun menor número de explotacións, a conselleira avogou por reforzar a información sobre as axudas que ofrece a Xunta para que cheguen ao maior número de interesados, incidindo en que as accións preventivas son un factor clave para minimizar o impacto dos ataques destes animais, que se sofren “no 90% do territorio galego”.

A modo de exemplo, no concello coruñés de Oza-Cesuras o ano pasado concedéronse catro axudas para paliar os danos causados polo lobo a outras tantas explotacións do municipio —incluída a que visitou hoxe a conselleira— e delas tan só unha pediu tamén axudas para aplicar medidas preventivas sobre a súa propiedade.

Por iso, Ángeles Vázquez aproveitou a visita para animar aos gandeiros da zona e doutros puntos de Galicia a informarse sobre estas subvencións e solicitalas na convocatoria que sacará a Xunta de cara ao vindeiro ano co triplo de orzamento dispoñible que para 2022.

Exit mobile version