Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro nomea a Adrián Ben Fillo Predilecto da vila nun emotivo acto

“Desde hoxe es Fillo Predilecto de Viveiro e estou convencida que para ti non hai maior recoñecemento, o máis prezado metal é sentirse querido no teu pobo e non é sinxelo ser profeta na túa terra”, expresou María Loureiro, alcaldesa de Viveiro

Viveiro, 29 de outubro de 2022. O Concello de Viveiro acolleu hoxe un emotivo acto para nomear ao deportista Adrián Ben, fillo predilecto da vila. O teatro Pastor Díaz recibiu o evento, no que estiveron presentes membros da Corporación Municipal, Adrián Ben e a súa familia, así como veciños e veciñas de Viveiro.

O seu nomeamento como fillo predilecto foi aprobado por unanimidade no pleno da Corporación Municipal. Un recoñecemento aos seus valores humanos e profesionais dunha das grandes figuras do atletismo español, como o demostra o seu sexto posto no Mundial de Doha en 2019 e a histórica quinta praza que acadou nos Xogos Olímpicos de Tokio en 2021 na modalidade de 800 metros lisos.

“A participación de Adrián Ben nos Xogos Olímpicos de Tokyo foi unha luz ao final do túnel que encheu de ilusión as nosas rúas e os nosos fogares”, recordou a alcaldesa, María Loureiro, sobre unha cita que coincidiu con restricións debido ao COVID-19.

Alén dos éxitos deportivos, a rexedora recordou o cariño co que falaba Ben sobre Viveiro, “enchíanos de ledicia ver como en cada entrevista que che facían presumías das túas orixes, de ser de Viveiro”.

Loureiro repasou a traxectoria do atleta viveirense, da que moitos veciños e veciñas da vila foron testemuñas. “Pero sen dúbida o mellor está por chegar, Adrián, e quero que saibas que nas túas próximas grandes citas, como sempre, estaremos todos empurrando”, engadiu. A alcaldesa insistiu ademais no gran exemplo que supón Adrián “para os nenos e nenas de Viveiro, xa que o deporte e os hábitos de vida saudables son grandes compañeiros de viaxe”.

“Desde hoxe es Fillo Predilecto de Viveiro e estou convencida que para ti non hai maior recoñecemento, o máis prezado metal é sentirse querido no teu pobo e non é sinxelo ser profeta na túa terra”, expresou emocionada a rexedora viveirense.

Exit mobile version