Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez valora de xeito positivo a sinalización colocada nos tendidos eléctricos de alta tensión na desembocadura do Río Grande, onde a finais de agosto se producía un accidente mortal

Ribadeo, 24 de outubro de 2022. O alcalde, Fernando Suárez, valora de xeito positivo a sinalización colocada nos tendidos eléctricos de alta tensión que sobrevoan a desembocadura do Río Grande na Ría de Ribadeo, onde a finais do pasado mes de agosto se producía un accidente mortal.

O rexedor contou que “nestes días foron sinalizados os tendidos eléctricos de alta tensión que sobrevoan a desembocadura do Río Grande na Ría de Ribadeo. Apréciase visualmente que agora os fíos eléctricos teñen colocados esferas de cor para maior visibilidade dos posibles navegantes que o fagan por este espazo”.

Suárez Barcia dixo: “desde o Concello de Ribadeo queremos valorar positivamente esta reacción das autoridades competentes nesta materia para balizar e sinalizar estes perigos, logo do accidente mortal rexistrado o pasado 28 de agosto, onde un rapaz tripulante dunha embarcación de vela latina viuse afectado por unha descarga eléctrica ao atoparse nas proximidades dun tendido de alta tensión”.

O alcalde lembrou que “daquela enviamos desde o Concello unha serie de escritos ás diferentes institucións con posibles competencias nese ámbito, xa que o Concello non ten competencias na lámina de auga. Destes varios escritos fomos recibindo resposta de dúas delas: da Capitanía Marítima e da empresa eléctrica Begasa. A primeira delas comunicounos as varias xestións que fixera, especialmente coa compañía eléctrica. Pola súa banda, a compañía eléctrica Begasa maniféstanos que cumpren de xeito estrito coas especificacións técnicas contempladas na normativa aplicable e que na actualidade non existe ningunha normativa que atribúa ás empresas propietarias de liñas aéreas responsabilidades ou competencias en materia de balizamento para sinalizar a existencia de tendidos eléctricos a navegantes”.

E engadiu: “con todo, e a pesar disto, a compañía indica que se puxo a disposición das autoridades competentes para prestarlles a máxima colaboración no que estimen conveniente”.

Fernando Suárez subliñou: “entendemos desde o Concello, que esta mellora na sinalización e balizamento corresponde a esas xestións das que nos teñen indicado por escrito, algo que, desde logo saudamos e valoramos positivamente, no ánimo que nunca máis se volva producir unha desgraza deste tipo, nin na Ría de Ribadeo nin en ningún outro lugar”.

Exit mobile version