Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez destaca que “estas son as contas públicas que a provincia necesita para unha recuperación económica e social xusta para os 330.000 lucenses”

“Lonxe do que sucedía con Gobernos anteriores que se dedicaban a comprometer inversións que nunca se chegaban a executar, este Goberno apostou desde o primeiro momento por un modelo de orzamentos reais no que figuran unicamente partidas realizables”

Lugo, 13 de outubro de 2022. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, considerou hoxe “que estas son as contas públicas que Lugo necesita para unha recuperación económica e social xusta para os 330.000 veciños e veciñas da provincia”, unha vez examinado o proxecto de Presupostos Xerais do Estado para 2023. Así, puxo en valor os orzamentos “de marcado carácter social do Goberno, nun contexto socioeconómico complexo, derivado da Guerra en Ucraína e da crise enerxética, co que se da resposta as necesidades dos veciños, familias, traballadores e colectivos máis vulnerables da sociedade”.

Neste senso, subliñou que son uns orzamentos “elaborados para axudar, para protexer e avanzar. Porque se as inversións en obras son importantes para dinamizar a economía da provincia, máis importantes son aínda a política e o gasto social para garantir que ninguén se quede atrás”.

Nesta liña, explicou que cos presupostos do Goberno máis de 100.000 lucenses se beneficiarán da revalorización do 8,5% das pensións, 9.400 veciños da provincia verán aumentada a súa contía no Ingreso Mínimo Vital, miles de desempregados terán unha axuda maior, atenderanse a máis persoas dependentes co aumento do 150% do gasto en comparación a cando empezou a lexislatura, e reforzarase a atención primaria aumentando un 6,7% o orzamento en sanidade.

“Son medidas deseñadas polo Executivo Central para combater a inflación e coas que demostra a aposta pola nosa provincia e os seus cidadáns. Mentres uns baixan os impostos ás grandes fortunas e rendas altas, este Goberno deseña uns orzamentos que son unha garantía para a clase media e traballadora, para fortalecer o estado de benestar, contribuíndo a igualdade de oportunidades no territorio”.

Así, salientou que o Presidente do Goberno anunciou onte un novo paquete de medidas que mobilizará 3.000 millóns de euros dos Presupostos “para aliviar a factura da luz e do gas este inverno, repercutindo no 40% dos fogares, enmarcado na aposta do Goberno por manter un escudo social que protexa a todas as persoas”.

Rodríguez lembrou que o investimento social dos Presupostos tamén redundará no aumento do salario nos traballadores públicos, de becas a estudantes, no bono social enerxético do que se benefician miles de familias da provincia, axudas para a factura da luz, o bono de alugueiro e vivenda ou o bono cultural para os 2.300 mozos e mozas da provincia. “Son feitos e non palabras vacúas os que poñemos enriba da mesa para dar unha resposta equilibrada e xusta, cos orzamentos máis sociais da historia para a provincia, pensados en fortalecer e axudar no día a día a todos os lucenses. E cos que devolvemos dereitos perdidos durante os Gobernos anteriores á maioría social”.

Isabel Rodríguez incidiu no compromiso do Goberno en materia de infraestruturas. Neste sentido, a subdelegada informou de que o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana compromete neste anteproxecto de lei unha inversión real na provincia de Lugo de 180,9 millóns de euros destinados a avanzar nas infraestruturas, especialmente na modernización no ferrocarril.

Compromiso co ferrocarril con 137,5 millóns
A subdelegada explicou que “estes Presupostos enmárcanse na aposta do Goberno de Sánchez polo desenvolvemento da nosa provincia, nun exercicio no que inxecta investimentos millonarios en infraestruturas, cumprindo co compromiso de modernizar o ferrocarril, que recibe 137,5 millóns, o 76% do total que achega o Mitma, unha boa mostra da importancia que teñen as conexións por ferrocarril da provincia para este Goberno”, salientou.

“Os orzamentos de Pedro Sánchez non están inflados como nos tiñan acostumados no pasado. Son uns presupostos responsables e realistas que responden ao urxente, sen perder de vista actuacións importantes. Lonxe do que sucedía con Gobernos anteriores que se dedicaban a comprometer inversións que nunca se chegaban a executar, este Goberno apostou desde o primeiro momento por un modelo de orzamentos reais no que figuran unicamente partidas realizables e non o revés.”, salientou Rodríguez.

Neste senso, a subdelegada lembrou que o Goberno ten licitado ou en execución máis do 80% da liña ferroviaria Lugo-Monforte-Ourense cun investimento total de 546 millóns de euros para a modernización do trazado e que para o 2023 Adif consigna outros 90,9 millóns para a renovación e electrificación da liña. Ademais, destina 43,5 para a mellora da liña de conexión con León e 1,5 millóns para actuacións de mellora na liña de ancho métrico Cudillero-Vegadeo-Ferrol. Por outra parte, o Goberno investirá 15 millóns de euros para comezar as obras da Estación Intermodal en Lugo, “unha vella demanda dos lucenses que non se atendeu ata a chegada deste Goberno”.

Ademais, o presuposto de RENFE contempla un investimento total de 1,3 millóns de euros para a realización de actuacións de mellora na seguridade da circulación, grandes reparacións, accesibilidade en trens, adquisición de novo material móbil, traballos sobre material existente, controis de acceso intelixentes, sistemas de información e investimentos en estacións.

Aumento dun 14,5% para investimentos en estradas
O investimento real nas estradas do Estado na provincia de Lugo previsto no proxecto de Presupostos para 2023 é de 42,9 millóns de euros. Esta cifra supón un incremento do 14,5% respecto dos 37,4 millóns de euros do 2022. Para a creación de novas infraestruturas destínanse 14,5 millóns e outros 17,7 para a conservación e explotación das xa existentes.

En materia de obras destaca a consignación dunha partida de 12 millóns de euros para culminar as obras da autovía A-54, no tramo que vai de Melide a Palas de Rei, e ter para o ano 2024 o total da autovía rematada. “Respondendo, unha vez máis, a unha infraestrutura moi demandada pola cidadanía cun proxecto que estivo parado durante moito tempo polos Gobernos anteriores”, lamentou a subdelegada.

Tamén se prevén partidas para a redacción de estudos e proxectos necesarios para a execución de novas estradas. Así, no proxecto de Presupostos figuran partidas por importe de 2 millóns de euros para a autovía A Mariña (A-74). Destínanse partidas para continuar a redacción dos proxectos nos treitos Barreiros-O Carme, O Carme-Foz e Foz-Burela e para licitar o contrato e iniciar a redacción do proxecto de treito Burela-San Cibrao. Así mesmo, na zona sur da provincia, o PXE23 inclúe unha partida de 500.000 euros destinada á redacción do proxecto da variante de Monforte de Lemos, da autovía A-76 entre Monforte de Lemos (Este) e Babela.

“Estes son algúns dos investimentos recollidos nos presupostos para infraestruturas que nos van permitir seguir traballando en proxectos verdadeiramente realizables e avanzar na tramitación administrativa de moitos outros”, explicou Rodríguez.

A subdelegada tamén avanzou que para o mantemento e mellora da seguridade viaria da Rede de Estradas do Estado na provincia, o proxecto de Presupostos contempla unha partida por importe de 17,7 millóns de euros, un 71% máis respecto dos 10,3 deste ano. Nesta partida englóbanse actuacións de mellora de firmes, interseccións, sinalización, balizamento, drenaxe e estruturas, así como os servizos de conservación e explotación ordinaria de estradas.

Ademais, con 10,7 millóns do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia levaranse a cabo medidas para a integración das Estradas do Estado en contornos urbanos e actuacións de dixitalización, conservación, explotación e mellora da seguridade viaria.

500.000 euros para o Camiño Francés
O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana prevé un investimento do 500.000 euros para actuacións de interés cultural no camiño Francés a Santiago de Compostela ao seu paso por municipios da provincia de Lugo.

Exit mobile version