Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez pon en valor na Fonsagrada os descontos do 30% que aprobou o Goberno para autobuses de titularidade autonómica

“Con esta medida amosamos o noso compromiso coa cidadanía para paliar xuntos os efectos da suba de prezos, desenvolvendo políticas que repercuten positivamente nos petos das clases medias e traballadoras”, salientou Rodríguez

A Fonsagrada, 3 de outubro de 2022. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, comprobou esta mañá na Fonsagrada a boa resposta dos veciños e veciñas aos descontos que o Goberno activou no transporte público terrestre dende o 1 de setembro, para paliar a situación actual derivada da crise enerxética e da Guerra en Ucraína. A subdelegada puxo en valor o desconto do 50% do prezo do billete do que gozan os usuarios e usuarias, do que o 30% apórtao o Goberno e o 20% restante é complementado pola comunidade autónoma.

Isabel Rodríguez informou que son miles de veciños, familias, traballadores e peregrinos os que se están a beneficiar desta rebaixa aprobada polo Goberno nos billetes das 640 liñas interurbanas que ofrecen este servizo nos concellos da provincia. “Con esta medida amosamos o noso compromiso coa cidadanía para paliar xuntos os efectos da suba de prezos, desenvolvendo políticas que repercuten positivamente nos petos das clases medias e traballadoras”, destacou a subdelegada, que estivo acompañada polo alcalde da Fonsagrada, Carlos López.

Neste senso, Rodríguez exemplificou que unha persoa da Fonsagrada que traballe en Lugo aforrará coa rebaixa do Goberno uns 50 euros ao mes en transporte público. Así, informou que o Executivo Central achega a maior parte do desconto nestes tipo de transportes, aínda que son de competencia e titularidade autonómica.

A Subdelegada mostrouse satisfeita coa repercusión desta medida ao comprobar que moitos usuarios e usuarias fixeron uso destes descontos durante a xornada. En todo caso, fixo un chamamento á cidadanía para que se sume a esta medida histórica e que, segundo remarcou, demostra que o Goberno está a adoptar medidas útiles nun contexto moi complicado.

Ademais, Isabel Rodríguez engadiu que a rebaixa do Ministerio de Transportes nos prezos do autobús é un incentivo para potenciar o uso do transporte público, “aumentando o aforro enerxético nas comunicacións e reforzando a aposta pola loita contra o cambio climático”, sinalou.

Estes descontos nos billetes dos autobuses interurbanos que aplica o Goberno súmanse ás rebaixas nos buses urbanos, nos concellos adheridos, e á gratuidade dos abonos do tren en todas as liñas que conectan as estacións de Galicia, tanto Cercanías, como Media Distancia e Avant.

Exit mobile version