Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez presenta en Viveiro MAVI, a Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero, que inicia o seu percorrido pola provincia

A maleta comeza a súa andadura no Concello de Viveiro e continuará a súa viaxe nos centros penitenciarios da provincia, CIM, asociacións de mulleres vítimas de violencia de xénero ou servizos sociais que soliciten a maleta para traballar nos seus centros

Viveiro, 20 de outubro 2022. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presentou esta mañá no Concello de Viveiro o proxecto “MAVI: a Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero”, a nova iniciativa do Goberno que nace para achegar libros de diferentes temáticas relacionadas co feminismo, a igualdade, o empoderamento, a autoestima ou a violencia machista ás veciñas e veciños.

Tal e como indicaba Rodríguez, “trátanse de textos que promoven a reflexión, a sensibilización e concienciación sobre temas determinantes para conseguir unha sociedade máis igualitaria e libre de violencias, favorecendo un pensamento crítico ante os estereotipos e roles de xénero que perpetúan estas violencias e desigualdades”.

Durante a presentación desta iniciativa, enmarcada dentro do programa de actividades levadas a cabo polo Goberno para conmemorar o Día Internacional de violencia contra a muller, a subdelegada estivo acompañada pola alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, a concelleira de Cultura e Muller, Lara Fernández, a responsable da Unidade contra a Violencia de Xénero, Mª Luisa Castro, e traballadoras municipais.

A subdelegada agradeceu á alcaldesa de Viveiro o interese mostrado neste proxecto e a súa boa disposición para traballar conxuntamente contra a lacra da violencia machista.

A maleta comeza a súa andadura no concello mariñán, na que permanecerá un mes, e continuará a súa viaxe nos centros penitenciarios da provincia, centros de información á muller, asociacións de mulleres vítimas de violencia de xénero ou servizos sociais dos municipios que soliciten a maleta para traballar con estes materiais nos seus centros.

“Trátase dunha viaxe sen data de volta, pois a idea é que a maleta poida continuar percorrendo a provincia e aumentando ou variando os libros que viaxan nela”, sinalou Rodríguez. Nesta primeira etapa, a maleta conta con doce libros infantís, xuvenís e para adultos, co obxectivo de que non só as mulleres, senón tamén as nenas e mozas poidan formar parte do proxecto.

Entre as obras que garda a maleta atópanse títulos como “¿Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa?”, de Raquel Díaz Reguera; “La cenicienta que no quería comer perdices”, de Nunila López e Myriam Cameros; “Todos deberíamos ser feministas”, de Chimamanda Ngozi; “Mi marido me pega lo normal”, de Miguel Lorente Acosta; “Cansadas”, de Nuria Varela; “El libro de la hija”, de Inma López Silva; ou “Rosalía Feminista”, de Helena González Fernández, entre outros títulos. Ademais, a maleta contén un diario de viaxe no que as persoas que participen no proxecto poderán escribir e compartir as súas reflexións sobre as lecturas.

Así mesmo, explicou que os diferentes Concellos polos que pasará a maleta poden engadir aqueles libros escritos ou protagonizados polas mulleres do municipio, “co obxectivo de visibilizar o talento e as historias das mulleres da nosa provincia”.

Durante o acto, a subdelegada informou que a día de hoxe na provincia de Lugo contabilízanse 604 casos acitvos dentro do Sistema de seguimento de violencia de xénero (Viogén). Concretamente, non hai casos catalogados de risco extremo, pero si hai 5 de risco alto, 95 que son de risco medio, 261 de risco baixo e 243 de risco non apreciado.

“Datos que reflexan a necesidade de traballar xuntos, entre todas as institucións e colectivos, para erradicar a violencia de xénero, un problema que segue moi presente na sociedade. Por este motivo levamos a cabo esta iniciativa que invita ás persoas a reflexionar, fomentando a educación en dereitos, igualdade e liberdades na sociedade. Esa é a contribución que queremos que teña a Maleta Viaxeira que hoxe comeza o seu percorrido na provincia”, sinalou Rodríguez.

Exit mobile version