Site icon Crónica3.com A Mariña

Novo equipamento e servizos na Biblioteca Municipal de Alfoz

Alfoz, 24 de outubro, 2022. Ao longo destes tres anos fíxose unha reforma integral do espazo renovando a totalidade dos andeis metálicos por librerías de maior capacidade e de cor branca que transformaron por completo o espazo.
Reorganizouse a iluminación que ademais foi substituída por leds.

Incorporáronse novas seccións coma o Recuncho Violeta, con lecturas e xogos de igualdade non só para disfrutar na biblioteca, posto que se utilizan tamén nos programas de conciliación municipal no CEIP Castro de Ouro.

Dotouse á biblioteca de equipamento: proxector, altavoces, pantalla, libros electrónicos, tablets e ordenadores portátiles que se suman aos 2 de sobremesa existentes. Isto permitiú tamén levar a cabo distintas actividades formativas coma os cursos para aprender a usar os móbiles ou outros coma o de libros electrónicos. Conta ademais con conexión a internet de fibra, garantindo a calidade e velocidade no uso da rede.

Neste ano, destacamos a creación dunha zona infantil, que complementa a existente, cun espazo para os máis pequenos con monicreques e un teatro de guiñol ademais da zona de lectura “no chan” con coxíns e pufs para ler e xogar.
Tamén se adquiriron gran número de revistas, cos correspondentes mobles revisteiros, que era un eido que non tíñamos cuberto e que está tendo moi boa acollida.

Colocouse un buzón exterior para poder devolver os libros fóra do horario de apertura da biblioteca que é de luns a venres de 15:00h a 20:00h.

O fondo bibliográfico increméntase continuamente con obras de todos os xéneros a través de axudas doutras administracións e fondos propios, por exemplo, recentemente adquiríronse os libros recomendados nas Axendas Coeducativas que a Área de Igualdade fai para todos os estudantes, así como as lecturas obrigatorias dos distintos IES da Mariña onde estudan os rapaces e rapazas de Alfoz.

Pero non é só un cambio físico o que experimentou a biblioteca, senón unha dinamización continua que nos leva a falar de programas coma a Bibliopiscina que durante xullo e agosto permite disfrutar da lectura na Piscina Municipal. As Mochilas Viaxeiras que fomentan a lectura entre os maiores do Programa de Envellecemento Activo “Activamente”. O club de lectura que conta actualmente con 17 integrantes e que é unha das actividades máis dinámicas da biblioteca. Visitas de autores e presentacións de libros. Numerosos obradoiros dirixidos aos máis pequenos ao longo de todo o ano. Un blogue propio ao que se pode acceder desde a páxina web do concello. Concursos coma o de Postais de Nadal ou de debuxo e narrativa das Letras Galegas.

Todo isto se logrou con distintas axudas da Xunta de Galicia, do Plan Único da Deputación Provincial e con fondos propios do Concello, a nivel económico e, sobre todo, con traballo para día a día mellorar non só o entorno físico da biblioteca senón facer dela un espazo cultural de referencia no Concello de Alfoz.

Exit mobile version