Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG esixe a máxima protección para os ecosistemas de turbeiras en risco debido á inacción do Goberno do PP

Bará denuncia que estes ecosistemas únicos están no limbo das tres “d”: desprotección, degradación e destrución

Santiago de Compostela, 14 de outubro 2022. O BNG esixe no Parlamento accións concretas de protección das turbeiras e humidais galegos, en risco de desaparición polo desleixo do Goberno do PP, que non presentou nos últimos 13 anos ningunha iniciativa para a preservación destes ecosistemas naturais.

O deputado do BNG denunciou “o ecocidio dos ecosistemas únicos de turbeiras en Galiza, que deberían constar no rexistro de humidais, previsto no 2008, e que segue baleiro”. De feito, Bará acusou ao Goberno do PP de “non facer nada para protexer un sistema único como o das turbeiras do País”. Denunciou, ademais, que a Xunta incumpre co mandato expreso da Unión Europea para protexer estas hábitats de xeito prioritario”. Neste sentido, advertiu que estes ecosistemas atópanse “no limbo legal e no limbo das 3 d: desprotección, degradación, destrución”.

En Galiza, apuntou, “converxen distintas características ambientais e do territorio que fan que sexa unha terra propensa a este ecosistema, o que a converte no maior exemplo deste tipo de hábitats en toda a Península Ibérica, e criticou a “mirada para outro lado do PP cando teñen o 90% dos humidais en estado deficiente e, do total de 1.131 humidais, só 380 están baixo a protección da Rede Natura”. Así mesmo, reclamou saber “que vai ocorrer cos humidais fóra desta rede non contemplados polo estudo sobre este tipo de hábitat que a Xunta encargou á Universidade de Santiago de Compostela”.

O deputado do Bloque advertiu dos numerosos informes que sinalan o “perigo” no que se atopan estes espazos e que sinalan como causas principais as concentracións parcelarias, os parques eólicos e as rozas. Estas actividades, denunciou, “veñen amparadas polo Goberno do PP” e criticou que “pouco se pode agardar dunha Dirección Xeral de Patrimonio Natural supeditada totalmente da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais”, con casos de danos ás turbeiras como o da Serra do Xistral, con 10 hectáreas deste ecosistema prezado derivadas a pasteiros artificiais.

Bará esixiu ao Goberno do PP que “exerza as súas competencias e protexa o que leva 13 anos sen protexer” pois estamos ante “un ecosistema que combate o cambio climático e que funciona ata cinco veces mellor ca os bosques como sumidoiro e dióxido de carbono”, sen resposta favorable do Executivo.

Exit mobile version