Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG reclama que a Xunta garanta a presenza dun bo servizo de pediatría no centro de saúde de Ribadeo

Ribadeo, 21 de outubro, 2022. Despois de termos lido as declaracións da nova xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, afirmando que non todos os centros de saúde van poder dispoñer dun pediatra, e vistas as carencias de persoal que padecemos no noso centro de saúde, tamén no servizo de pediatría, o BNG de Ribadeo esixe da Xunta o firme compromiso do mantemento e potenciación do servizo de pediatría en Ribadeo.

No centro de saúde de Ribadeo xa temos pasado por situacións moi delicadas no que ao servizo de pediatría se refire. Desde dispoñermos de pediatra tan só un día á semana, a ter que agardar por cita coa pediatra até dous meses. Despois de termos reclamado en múltiples ocasións que se potenciase dito servizo fomos logrando que se cubrise cun mínimo de garantías (aínda que sempre baixo a ameaza de máis recortes). Pero as declaracións de Estrella López-Pardo, a xerente do Sergas, non tranquilizan ninguén, senón todo o contrario.

Ben fomos vendo ao longo deste último ano como quedaban prazas sen repoñer no noso centro de saúde (ben por baixas ou por xubilacións). Pouco importa que no verán se chegue case a triplicar a poboación; os servizos non aumentan. E agora xa comezan a nos avisar de que nos temos que ir concienciando de que debemos “entender que seguramente non poderá haber un pediatra en cada centro de saúde”. O seu descaro no seu afán privatizador é inmenso. E a complicidade dos deputados e deputadas do PP (tamén os da Mariña) é absoluta.

É ben sabido por todos e todas que no Hospital Comarcal de Burela dispoñemos de tan só unha pediatra para atender toda a área sanitaria cun total de aproximadamente 1500 crianzas. Tamén sabemos que en Barreiros, Lourenzá e Mondoñedo seguen sen pediatra. E outros servizos sanitarios tamén están a padecer serios recortes. Pero iso, á xerente do Sergas, Estrella López-Pardo pouco lle preocupa. Mais ben quítalle o sono que aspiremos a uns servizos sanitarios públicos e de calidade. Por iso nos quere lembrar que temos que entender que “seguramente non poderá haber un pediatra en cada centro de saúde”. Opinan o mesmo a señora Elena Candia López e os señores Manuel Balseiro Orol e Daniel Vega Pérez? Vainos garantir o noso veciño Daniel Vega Pérez que en Ribadeo poderá haber pediatra como tamén dicía que a Xunta apoiaría a construción da Residencia de Maiores? Ou inversións por todos coñecidas nas que o goberno da Xunta non achegou nin un patacón? Ou xa sen reparo ningún vainos dicir, como naquel famoso debate na campaña das anteriores eleccións municipais, que Ribadeo poderá contar con pediatra se o votamos a el?.

Levamos tempo defendendo a sanidade pública. Non imos tolerar que se sigan a facer recortes na mesma sen mostrar o noso claro rexeitamento a esas políticas de austeridade. Pero moito menos imos quedar calados e caladas ante tanto cinismo como o amosado pola señora Estrella López-Pardo. O silencio cómplice queda para outros representantes públicos que só miran polo seu asento e esquecen á súa veciñanza.

Exit mobile version