Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela destina 33.900€ ao fomento do deporte mediante subvencións de concorrencia competitiva

Foron beneficiarias destas axudas o Club de Padel, Veteranos SDB, Club de Tenis A Marosa, Club de Baloncesto, SD Porto Burela, SD Burela e Club Deportivo Burela FS

Burela, 14 de outubro de 2022. A Delegación de Deportes do Concello de Burela informou esta mañá tras a Comisión de Deportes da partida de 33.900 euros que se destinará a sete clubs deportivos a través das subvencións de concorrencia competitiva.

A Comisión, integrada polo grupo de goberno e os dous grupos da oposición, deu conta das axudas que se adxudicarán ás entidades en base a criterios obxectivos e técnicos, tales como os méritos deportivos, o número de nenas e nenos que teñen nas Escolas Deportivas, o fomento da igualdade ou a colaboración na realización de eventos en Burela, indicadores que foron consensuados no seu día cos clubes.

En concreto, o Club de Padel recibirá 1224,32 euros; Veteranos SDB 1530,40 euros; Club Tenis A Marosa 1836,48 euros; Club Baloncesto Burela 8034,60 euros; Sociedade Deportiva Porto Burela 4591,20 euros; Sociedade Deportiva Burela 4973,80 euros; e o Club Deportivo Burela FS 11707,56 euros.

O edil de Deportes, Ramiro Fernández, puxo de manifesto “o incremento gradual de case un 60% desta partida nos últimos sete anos, pasado de destinar 13.100 euros aos 33.990 euros actuais”. Así mesmo, destacou “a puntuación obxectiva que se outorga aos clubes grazas aos criterios acordados cos mesmos, fuxindo de criterios políticos ou subxectivos e actuando con total transparencia, contando tamén coa participación dos grupos da oposición”.

Esta inxección económica para o fomento do deporte local é “unha clara aposta por axudar aos clubes de todas as disciplinas”, unha colaboración que se suma “a todas as que achegamos ao longo do ano na realización de eventos, no funcionamento diario dos propios clubes e nas inversións que estamos a facer para a mellora das instalacións deportivas”, concluíu Fernández.

Exit mobile version