Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno amplía ata o 31 de outubro o Bono Cultural Xove, que se pode solicitar en Correos

Os interesados terán que rexistrase na web do bono co seu correo electrónico na opción “Solicitar bono en Correos”, completar e firmar o formulario e presentalo en Correos xunto co DNI ou NIE

Lugo, 17 de outubro 2022. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, animou hoxe á mocidade lucense a solicitar nas oficinas de Correos da provincia o Bono Cultural Xove que o Goberno ampliou ata o 31 de outubro. En total, son 2.341 mozos e mozas os que poden beneficiarse deste programa con axudas de 400 euros que o Ministerio de Cultura destina ás persoas de 18 anos para adquirir produtos e gozar de actividades culturais durante un ano.

Durante a visita a unha oficina de Correos na cidade de Lugo, Isabel Rodríguez, acompañada da alcaldesa, Lara Méndez, e traballadores da sede, explicou que o Goberno, en colaboración con Correos, abriu un novo proceso de solicitude presencial, sen necesidade de que os rapaces teñan que facelo a través da identificación dixital. “Facilitamos a participación ás persoas interesadas cun proceso máis sinxelo e rápido”, destacou. Así, os interesados só terán que rexistrase na web do bono https://bonoculturajoven.gob.es/, co seu correo electrónico na opción “Solicitar bono en Correos”, completar e firmar o formulario e presentalo en calquera oficina de Correos xunto co DNI ou NIE. Unha vez presentada a solicitude e cotexados os datos persoais, Correos trasladará esas solicitudes ao Ministerio de Cultura para a súa resolución.

“Non queremos que ninguén se quede atrás coa axuda. É unha oportunidade magnífica e queremos que todos os lucenses de 18 anos poidan beneficiarse deste proxecto co que o Goberno busca universalizar o acceso á cultura, crear novos públicos, fomentar a diversidade cultural e, deste xeito, impulsar a recuperación dun sector tan importante como o cultural”, subliñou a subdelegada, que avanzou que a día de hoxe máis de 600 persoas xa solicitaron esta axuda na provincia.

Durante o encontro Isabel lembrou que esta iniciativa que pon a disposición o Goberno conta cun investimento na provincia de 936.000 euros. Neste eido, valorou a posta en marcha deste proxecto en tempo récord, pois só 4 meses despois da publicación no BOE das normas reguladoras abriuse o prazo para a adhesión de empresas e entidades culturais, así como dos mozos e mozas. Ademais, puxo en valor que o Goberno inclúa no proxecto de Presupostos Xerais do Estado para o ano 2023 o Bono Cultural Xove renovando as axudas desta programación dirixida aos máis novos.

Por último, a subdelegada destacou que “estas axudas tamén servirán para dinamizar o comercio de proximidade nos concellos da provincia, ademais, de contribuír a xerar hábitos de consumo de produtos e actividades culturais entre os máis novos”.

O Ministerio de Cultura decidiu ampliar o prazo para solicitar o Bono Cultural Xove ata o 31 de outubro para chegar ao maior número de persoas posibles. Ademais da alternativa de poder facer a xestión a través das oficinas de Correos, o Goberno mantén a opción de poder rexistrarse a través da app específica do programa mediante certificado dixital ou chave PIN. Unha vez concedida a axuda, recíbese unha tarxeta física ou virtual, cargada cos 400 euros da axuda, para usar en todas as empresas culturais adheridas ao programa.

3 liñas de axuda
O Bono Cultural Xove do Goberno está dividido en 3 apartados, para fomentar o acceso a diversas expresións culturais. Concretamente, son 200€ para artes en vivo, patrimonio cultural e audiovisuais; 100€ para produtos culturais en soporte físico como libros, revistas, prensa, videoxogos, discos, entre outros; e 100€ para consumo dixital como subscricións a plataformas musicais, audiolibros, prensa dixital, videoxogos en liña, descarga de podcast, entre outros.

Exit mobile version