Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista insta á Xunta a presentar recurso contra a prohibición da pesca de fondo

Patricia Otero urxe ao goberno galego a adoptar unha “posición proactiva” na defensa da flota galega

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2022. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, vén de presentar unha iniciativa parlamentaria para reclamarlle á Xunta que presente un recurso ante a xustiza europea contra o Regulamento da Comisión Europea que prohibe a pesca de fondo en 87 zonas sensibles.

A parlamentaria socialista reclamoulle ao goberno galego que adopte unha “posición proactiva” en liña coas iniciativas do goberno do Estado na defensa da flota galega de fondo, seriamente ameazada pola decisión da Comisión Europea. Ademais, reclámalle ao goberno galego que se dirixa á Comisión Europea para solicitar a suspensión do veto e que proceda á súa revisión inmediata cos datos científicos actualizados que xa ten no seu poder.

Otero sinala que o veto resulta “sumamente prexudicial para os intereses da flota galega, sinaladamente dos pescadores que traballan na zona de litoral e Gran Sol”, que ademais foi tomada “sen o diálogo necesario, a pesares de ser un asunto de vital transcendencia”. Apunta que “os órganos comunitarios non lle consultaron aos estados membros dunha forma seria, así como tampouco se tivo en conta ao sector pesqueiro”.

Engade que “a esta falla de diálogo preocupante súmaselle que se pretende executar este veto sen achegar os suficientes argumentos científicos e técnicos que o avalen, e sen un verdadeiro estudo socioeconómico que analice o impacto desta prohibición no propio sector”.

Critica as eivas “de forma e de fondo” na toma desta decisión por parte da Comisión Europea, xa que despois de que o ditame fora rexeitado nunha primeira votación pola oposición de España e Irlanda, “unha sola reunión o pasado 26 de xullo non é unha forma seria de consultar ao sector nin aos estados membros”. Ademais, lembra que o informe do ICES no que se basea este veto “non é actual nin cubre o conxunto de decisións está a adoptar a Comisión Europea”.

Exit mobile version