Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP da Pastoriza, “sorprendido” ao resultar contratado o fillo do alcalde como conserxe municipal

O PP da Pastoriza demandará “explicacións ao equipo de goberno PSOE-BNG” agardando “a maior transparencia” sobre este procedemento

A Pastoriza, 25 de outubro de 2022. O PP da Pastoriza amosa a súa sorpresa polas circunstancias nas que resultou contratado o fillo do alcalde no proceso de selección para a provisión dunha praza de conserxe no colexio San Salvador da Pastoriza.

Os populares seguiron de preto este proceso de selección que comezou dun xeito anómalo ao iniciarse moi tarde, a final do mes de agosto, o que supuxo que o curso escolar comezara sen esta figura.

Dende o PP local explican que a persoa que obtivera unha maior puntuación no concurso-oposición renunciou á praza. Así, tralo período de alegacións e a reunión do tribunal para resolvelas, o Concello resolveu formalizar o contrato de traballo temporal de 25 horas semanais en favor do fillo do alcalde, ata a cobertura definitiva da praza ou ata un máximo de tres anos.

“O alcalde delegou competencias na tenente de alcalde ao apreciar unha causa de abstención no procedemento. Pero, aínda así, resulta moi curioso que a persoa que lograra a segunda puntuación máis elevada fora o seu fillo -que foi tamén un dos catro que obtivo un 9,5 no exame- de forma que, trala renuncia da persoa que acadara unha maior puntuación, resultase contratado”, expoñen.

O PP da Pastoriza demandará “explicacións ao equipo de goberno PSOE-BNG” agardando “a maior transparencia” sobre este procedemento para a cobertura dunha praza vacante de conserxe no colexio da Pastoriza.

Exit mobile version