As iniciativas populares conseguiron no pleno celebrado esta mañá pola corporación provincial o voto favorable de socialistas e nacionalistas
A sesión plenaria desta mañá puxo de manifesto unha vez máis a capacidade dos populares de presentar iniciativas que, polo seu interese para a provincia, merecen o respaldo dos outros grupos.
O PP, por outra parte, lamenta que o BNG non fora capaz de introducir a modificación que solicitou para apoiar a moción nacionalista para reclamar ao Goberno investimentos na mellora das infraestruturas ferroviarias na provincia. Os populares confirmaron a súa disposición a apoiar as demandas ao Goberno para a mellora do ferrocarril en Lugo e solicitaron a retirada do segundo punto, que se refería á creación dun “tren galego de proximidade” e pedía que a Comunidade Autónoma reclame a transferencia das competencias en materia ferroviaria. Unha vez máis, o posicionamento puramente ideolóxico do BNG fixo imposible o apoio dos populares a unha iniciativa en materia de infraestruturas con cuxo maior parte do contido concordaban, aínda que botaron en falta iniciativas para que Lugo non quede descolgada da alta velocidade.
O PP lamenta que o grupo socialista manteña unha posición cargada de demagoxia en relación coa sanidade pública na provincia. Unha e outra vez, pechan os ollos diante da realidade dos feitos, que demostran que é o Goberno central o que ten que crear as condicións necesarias para que haxa médicos de familia suficientes para cubrir o déficit neste nivel asistencial.