Site icon Crónica3.com A Mariña

Os veciños de Misericordia non poderán participar no pleno deste martes, xa que as sinaturas se presentaron o venres, cando o pleno xa estaba convocado e sen cumprir os prazos de antelación previstos

Viveiro, 4 de outubro, 2022. Ante a noticia aparecida nos medios de comunicación relativa á solicitude de participación colectiva da veciñanza da Misericordia na próxima sesión plenaria e tendo en conta as declaración realizadas pola voceira do BNG, afirmando que os veciños poderán participar no pleno de mañá martes, 4 de outubro, quérese aclarar en primeiro lugar que o asunto sobre o que se quere falar é un tema complexo e que por parte do concello se entende a preocupación dos veciños.

Enténdese, asemade, que os veciños realicen as súas reclamacións e que a voceira do BNG estea con eles como calquera representante político municipal. O que non se entende é que Miriam Bermúdez confunda aos veciños simplemente por artimañas políticas; ela sabe que o Pleno é un órgano regrado, no que están representados todos os veciños e veciñas, e que se rexe por un regulamento, o Regulamento de Organización Municipal (ROM), no que se establece o procedemento para este tipo de participación veciñal e todas as demais cuestións que teñan que ver coas sesións plenarias.

A voceira do BNG sabe que nese Regulamento se estipulan uns prazos e que, neste caso en concreto, non é posible incluír esta participación veciñal no pleno do MAÑÁ, martes 4, porque as sinaturas se presentaron o venres, cando o pleno xa estaba convocado e sen cumprir os prazos de antelación previstos, que establecen que estas peticións para ser incluídas no vindeiro pleno ordinario deben presentarse con 10 días de antelación.

Sabe que este punto non se pode incorporar na orde do día e aínda así anúnciao. Entendemos que apoie aos veciños, pero o que non entendemos é que se aproveite da situación. Non comprendemos que anuncie que os veciños van intervir no pleno de mañá, cando sabe que o regulamento establece que a petición ten que realizarse co antelación referida.

Os plenos réxense por un regulamento no que se establece o procedemento a seguir en cada caso, os prazos, etc, e a voceira do BNG sábeo, polo que está enganando aos veciños e mentindo cando di que non se lles deixa falar, porque non é certo. O único que hai que facer é cumprir o regulamento, ademais de indicar, neste sentido, que hai outros procedementos e outras maneiras de que os veciños poidan falar e expresar as súas inquedanzas, non ten porque ser só no pleno.

A presentación de sinaturas para intervir no pleno é unha das formas recollidas no Regulamento, pero hai que facelo en tempo e forma, polo que lles correspondería facelo no próximo pleno de novembro. De todos xeitos, entendemos que é un tema complicado e como os veciños contaban con poder intervir mañá vamos deixarlles falar nesta sesión plenaria.

Exit mobile version